O alcalde de Silleda visita a Concepción Pichel, a avoa de Trasdeza

Silleda, 16 de maio de 2016. Con unha entrañable festa familiar, onde puido recibir a todos os seus fillos, netos e bisnetos, Concha Pichel celebraba onte, uns días despois da súa efemérides, os seus 108 anos.

A avoa de Trasdeza, aínda que con algúns achaques propios da idade e de unha recente rotura de cadeira, goza sen embargo de unha envexable vitalidade e non dubida en arrancarse a cantar e a soltar algún que outro aturuxo para amosar a felicidade que lle supón o estar rodeada de todos os seus.

Concha Pichel recibía tamén na pasada xornada, a visita do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e da concelleira de Igualdade e Benestar, Pili Peón, que se desprazaron ata o domicilio familiar  para interesarse polo estado da centenaria, ademais de facerlle entrega dun ramo de flores como regalo.

Despois chegaría a celebración familiar á que non faltaron os seus sete fillos, once netos, e 15 bisnetos. Unha reunión que sen dúbida encheu de felicidade a esta avoa, compartindo mesa e mantel, e tamén recordos dunha lonxeva vida , e co desexo de que poida seguir soprando velas moitos anos máis.