O alcalde de Silleda visita Madrid para acudir a dous actos

-Na axenda do rexedor figura a promoción turística dos municipios da provincia, organizada pola Deputación de Pontevedra esta noite, e o inicio de actividades da FEMP no día de mañá

Silleda, 3 de marzo de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, viaxa hoxe a Madrid para asistir esta noite a un encontro, promovido pola Deputación de Pontevedra, para a promoción dos concellos da provincia.

Co nome de “62 razóns para visitar as Rías Baixas”, (unha por cada concello da provincia), este evento está dirixido a turoperadores e medios nacionais especializados en turismo, e promoverá os  recursos que cada municipio da provincia de Pontevedra seleccionou e aportou a Deputación para o desenrolo da campaña.

A presentación terá lugar esta noite no Espacio Atlántico, a nova casa de comidas en Madrid do cociñeiro Pepe Solla, e a ela asistirán membros da Deputación, así coma representantes dos concellos da provincia de Pontevedra.

Comisión de Benestar Social da FEMP

Por outra banda, xa no día de mañá, o rexedor asistirá á constitución da Comisión de Benestar Social da Federación Española de Municipios e Provincias, como vogal designado polo partido socialista a finais do pasado ano.

Na orde do día figura, a maiores da propia constitución da Comisión e a presentación dos seus membros, outras cuestións coma a revisión de convenios anteriores e a proposta de actuacións para este novo período, todo isto coa finalidade da posta en marcha da actividade da institución.

“Como parte da executiva do organismo, tanto a nivel autonómico, (Fegamp), coma a nivel nacional, (Femp), a miña intención é traballar pola mellora na atención e servizos aos cidadáns, sobre todo nuns momentos complicados nos que os dereitos básicos deben de ser unha prioridade”, comentou o alcalde silledense.