O alcalde, Manuel Cuíña, asume o departamento municipal de Cultura

Silleda, 2 de outubro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña Fernández, asumirá a partir de agora o departamento municipal de Cultura, do que ata agora estaba ao frente a concelleira Margarita Campos.

Este cambio, unha das cuestións que se abordou na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, vén motivado por motivos laborais da ata agora responsable do departamento, Margarita Campos Espiño. “O seu destino como mestra en Baio (Zas), impídelle por razóns de distancia adicar todo o tempo suficiente ao departamento de Cultura do Concello, un dos que requiren unha maior adicación”, explica o alcalde, Manuel Cuíña.

Así as cousas será Manuel Cuíña, que xa foi concelleiro titular de Cultura na anterior lexislatura, (durante a etapa de goberno socialista entre 2007 e 2009) quen asuma a responsabilidade neste departamento.

Pola súa banda, este cambio tamén supón un pequeño reaxuste nas áreas de goberno. Así, Margarita Campos, continuará coas áreas de Turismo e Normalización Lingüística, asumindo a maiores o departamento de Mocidade, do que ata agora se encargaba o tenente de alcalde, Klaus Brey.

Dende o goberno municipal o rexedor Manuel Cuíña, que tamén é o responsable de Urbanismo, Facenda e Tráfico, agradece á concelleira o esforzo que realizou nos últimos meses compatibilizando as súas tarefas profesionais co traballo do departamento de Cultura.

“Dos departamentos que levaba ata agora sin dúbida algunha o de Cultura é o que máis adicación e traballo diario necesita, e por iso, á vista da miña situación laboral consensuamos realizar este cambio”, explica a concelleira Margarita Campos, “pensando sempre no mellor para o funcionamento diario do Concello e para dar un servizo de calidade aos nosos veciños e veciñas”, engade.