O auditorio Manuel Dopazo acolle o 5 de novembro unha gala para a estrea das melloras e novas dotacións técnicas

Silleda, 22 de outubro de 2016.  O auditorio municipal Manuel Dopazo da Bandeira acolle o vindeiro sábado día 5 de novembro unha gala para estrear as novas dotacións técnicas e as obras realizadas recentemente neste edificio. Baixo o nome “Revolta” celebrarase un espectáculo novidoso no que estarán implicados todos os grupos e colectivos culturais da Bandeira, con montaxe de Juan Collazo. Un espectáculo que de seguro sorprenderá ao público.

A Banda Recreativa e Cultural de Bandeira; os grupos de música e baile tradicional Xirandola e Fortín da Pomba; o Coro Vales Mahía, o grupo de teatro Medias Verdes e o grupo de rock punk Kona ke te fixo desfilarán polo escenario do auditorio Dopazo, donde nos últimos meses se acometeron distintas obras de mellora. A cita será ás 20:00 horas, con entrada de balde.

Dúas actuacións

Ademais das obras de mellora de dotacións técnicas e accesibilidade cofinanciadas polo Concello e a Consellería de Cultura, tamén se levaron a cabo outras melloras nas aulas do recinto.

En canto á primeira das actuacións, cun orzamento de case 12.000 euros, procedeuse á dotación de equipo de son e de iluminación e a realización de obras para mellorar a accesibilidade ao auditoiro. Así, habilitouse un aseo adaptado no hall do edificio, e instalouse unha rampa na parte frontal, ademais dun elevador para acceder ao escenario.

Por outra banda o Concello de Silleda procedeu a pintar todas as aulas do centro, onde se ubica a sección de Bandeira da Escola Municipal de Música, e á colocación de cortinas en todas as dependencias.

O vindeiro día 5 de novembro todas as persoas que se acheguen ata o auditorio tamén poderán visitar as aulas para ver as melloras realizadas.

“Estas actuacións que levamos a cabo redundarán tamén nunha mellora da oferta cultural que se vén realizando neste edificio, tanto no tocante á Escola de Música como ao auditorio en sí, que é xa un referente para todas as agrupacións”, indica o alcalde.