O Centro Agrario de Silleda organiza unha viaxe a Chantada para amosar a producción de sidra e viño

Silleda, 12 de agosto de 2016-.  O Centro Agrario de Silleda organiza o vindeiro xoves día 1 de setembro unha viaxe a Chantada para achegar aos veciños interesados formas de producción da sidra e o cultivo de viñas. A saída en autobús será ás 10.30 dende a casa consistorial e o regreso está previsto en torno ás 19 horas. A viaxe é gratuita (desplazamento e entrada a establecementos) e os asistentes só terán que abonar o xantar.

A expedición iniciarase coa visita á fábrica Custom Drinks, a planta de elaboración de sidra Maeloc (de Hijos de Rivera Inversiones Corporativas). Esta visita vén a dar resposta ao convite formulado o pasado mes de abril por José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D+I da citada firma, que participou nas primeiras xornadas informativas organizadas polo Centro Agrario de Silleda.

Logo do xantar, previsto no restaurante Os Pendellos, a excursión continuará coa visita á adega Os Cipreses, incluída na Denominación de Orixe da Ribeira Sacra.

Todas as persoas que estén interesadas en participar poden anotarse no Concello de Silleda a partir do vindeiro martes día 16 e ata o venres 26.

Con esta iniciativa, a primeira das saídas organizadas dende o Centro Agrario, ademais de promover a actividade agraria, búscase dar a coñecer aos produtores locais outras formas de producción e explotación das terras que poidan ser do seu interese.

“Queremos que os nosos veciños e veciñas coñezan de primeira man con este tipo de visitas outras potencialidades que poden obter a través da actividade agraria, un dos grandes obxectivos que nos marcamos cando se creou o Centro Agrario”, engade o alcalde Manuel Cuiña, que anima ás persoas interesadas a participar nesta primeira expedición.