O Club BTT Trasdeza entrega máis de 300 kilos de alimentos ao programa municipal Silleda Solidaria

Silleda, 21 de abril de 2015. O Club BTT Trasdeza, que organizou a segunda edición da exitosa Kedada Solidaria en bicicleta de montaña fixo entrega esta mañá ao Concello máis de 300 kilos de alimentos non perecedeiros, que se destinarán ao programa Silleda Solidaria.

O concelleiro de Deportes, Klaus Brey, recolleu  de mans dos responsables do colectivo a aportación destes produtos, que pasarán a mellorar as provisións no Banco de Alimentos do programa municipal Silleda Solidaria, axudando as familias usuarias dos Servizos Sociais.

“É un pracer contar en Silleda con asociacións coma esta que organizaron esta exitosa iniciativa tamén con fins solidarios”, indica Klaus que reiterou hoxe o seu agradecemento ao grupo e aos 170 participantes na ruta celebrada o domingo.

Dende a organización, Rubén Vázquez e Alejandro Caramés, tamén agradeceron a colaboración das empresas patrocinadoras neste evento que cada vez ten máis éxito.

Así esta vez aumentou a participación respecto á primeira edición, así como o número de alimentos recollidos. Klaus Brey felicitou tamén aos organizadores polo éxito desta cita, que xa ten un oco no calendario de actividades deportivas do municipio de Silleda.