O Club BTT Trasdeza entrega máis de 400 quilos de alimentos ao programa Silleda Solidaria

 – O Concello de Silleda agradece aos participantes e patrocinadores da III Kedada Solidaria a súa colaboración e felicita aos organizadores polo éxito acadado

Silleda, 21 de marzo de 2016.  O Club BTT Trasdeza, que organizou a terceira edición da cada ano máis concorrida Kedada Solidaria en bicicleta de montaña fixo entrega esta mañá ao Concello de máis de 400 quilos de alimentos contabilizados, que se destinarán ao programa Silleda Solidaria.

As concelleiras de Benestar e Igualdade, Pili Peón, e de deportes, Ana Luisa González, recolleron de mans dos responsables do colectivo a achega destes produtos, moitos deles dos máis necesarios actualmente no Banco de Alimentos como leite, cola cao, azucre, aceites, conservas, ou tarriños infantís, que pasarán a mellorar as provisións no Banco de Alimentos, axudando as familias usuarias dos Servizos Sociais.

“É un pracer contar en Silleda con asociacións coma esta que organicen esta exitosa iniciativa tamén con fins solidarios, para poder axudar así a familias necesitadas do concello”, indica Pili que reiterou hoxe o seu agradecemento ao grupo e aos máis de 180 participantes na ruta celebrada o domingo.

A oficina de La Caixa de Silleda tamén quixo poñer o seu gran de area para a causa, e mediante o seu programa “Obra Social La Caixa”, fixeron unha aportación económica ó Banco de Alimentos.

Dende a organización, Rubén Vázquez e Alejandro Caramés, tamén agradeceron a colaboración das empresas patrocinadoras neste evento que cada vez ten máis éxito.

Así esta vez aumentou a participación respecto ás primeira edicións, así como o número de alimentos recollidos. Pili Peón felicitou tamén aos organizadores polo éxito desta cita, que xa ten un oco no calendario de actividades deportivas do municipio de Silleda.