O Club de Lectura celebra o venres día 6 un encontro co escritor compostelán Alberto Ramos

Silleda, 25 de febreiro de 2015. O Club de Lectura da Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda celebrará unha nova sesión o vindeiro venres día 6 de marzo. A cita, prevista para as 20.00 horas,  será co escritor e xornalista  Alberto Ramos (Compostela, 1986), e coa súa obra “Máscaras rotas para Sebastian Nell”, coa que gañou o pasado ano 2014 o premio de novela Manuel García Barros.

A obra que están a ler os membros do club  combina distintos tipos de escritura nos que a materia narrativa se une co xénero da entrevista.
Ao final da súa vida, e tras recibir o diagnóstico do alzhéimer, o actor británico Sebastian Nell concédelle unha única entrevista á xornalista Rebecca Graham. Nas longas horas de conversa, o actor percorre a súa traxectoria teatral en Gran Bretaña e a súa carreira cinematográfica en Hollywood. Retrata así, con nostalxia e ao tempo desarraigamento, os falsos brillos da sociedade do espectáculo. Alberto Ramos fai nesta novela unha radiografía dos claroscuros do século XX a través do diálogo punzante e inclemente de dous personaxes que intentan descubrir quen é cadaquén.