O Concello abonou no que vai de lexislatura máis de 1,6 millóns de € por sentenzas e débedas de gobernos anteriores

Silleda, 17 de decembro de 2013. O goberno municipal vén de rematar a cuantificación de todos os pagos realizados nos dous últimos anos correspondentes a débedas e impagos de executivos anteriores.  A cantidade total, incluíndo as sentenzas xa abonadas e abonos con cargo ao plan de pago a proveedores, entre outros, ascende a 1.655.937,17 euros.

O alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, sinala que a cantidade “é moi considerable e veu a minar a capacidade inversora do Concello nos últimos anos”. Só en sentenzas xudiciais que condenan por impago ao Concello se abonaron 499.410,76 euros. Nesta lista figuran as demandas por impago interpostas por Construcciones Arias Hermanos, á que se abonaron 24.743,35 euros; Creaciones Luminosas (18.000,62) polo alumeado de Nadal 2006-2007; El Corte Inglés (4.591,72 euros); Ocampo Campaneros, á que houbo que pagar 9.117,60 euros polas campás de Silleda e Martixe; e Ofitiendas S.L. (3.703,35 euros, por intereses de demora). Tamén se realizou este ano o primeiro dos pagos conveniados con  Prime Credit (Banco Santander Central Hispano), por importe de  70.000 euros. Esta empresa  demandou tamén ao Concello no seu día por non abonar un crédito solicitado a finais dos anos 90. Quedan aínda dous pagos por facer, o vindeiro mes de xaneiro e no ano 2015, de 70.000 e 38.914 euros.

Á lista de pagos por sentenza hai que se sumar os realizados á empresa Urbaser S.A., que realizou o servizo de recollida de lixo sen cobrar. Só en 2012 abonáronselle 225.127,66 euros, correspondendo máis da metade a intereses de demora. Os pagos a Sogama (28.911,54 euros), que aínda hai que seguir realizando. Outra das sentenzas que seguen a coartar a economía do Concello é a da empresa local Sumicóns González, que reclamou por vía xudicial o pago de 69 facturas (dos anos 2001, 2002, 2003 e  2005).  A esta firma pagáronselle un total de 115.214,92 euros, incluindo o pago das citadas facturas, intereses e costas xudiciais.

“Das arcas municipais sairon no que vai de lexistatura medio millón de euros para pagar estas sentenzas por impago, unha irresponsabilidade que afecta, e moito, á contabilidade municipal”, sinala o alcalde, lembrando que aínda quedan máis demandas, “co que a cantidade seguirá aumentando”, indica.

Real Decreto Lei 4/2012: 142 facturas e 38 proveedores

Neses 1,6 millóns de euros de débeda herdada que se pagou no que vai de lexislatura figuran, ademais das citadas sentenzas 142 facturas que se abonaron con cargo ao Plan de Pago a Proveedores, a través do Real Decreto Lei 4/2012, e que suman máis de 1,1 millóns de euros. A través deste, o Concello suscribiu un crédito a 10 anos para pagar as facturas atrasadas, polo que se están a abonar 16.000 euros mensuais  concepto, únicamente, de intereses. Esta cantidade pasará en 2015 a 53.000 euros e alcanzará os 60.000 euros nos últimos anos.

Esas 142 facturas corresponden a un total de 38 proveedores, algún deles con abultadas contas pendentes, caso de Celta Prix, á que se lle debían 417.595 euros (había 23 facturas atrasadas). Na lista de proveedores figuran tamén algunhas empresas que tamén cobraron por vía xudicial.

“É lamentable e vergoñento que pola irresponsabilidade e desidia dalgúns gobernantes este Concello esté hipotecado deste xeito”, engade Cuíña.

O alcalde, que lembra que o actual goberno pechou o exercicio de 2012 cun saldo positivo, “algo histórico en Silleda”, leva os pagos ao día. “Se nós somos capaces, debemos de preguntarnos que fixeron os nosos antecesores durante anos para estar agora nesta situación”, engade.

Cuíña avanza ademais que as contas de 2014, nas que xa se está a traballar seguirán a misma filosofía que a dos últimos exercicios: contención de gasto e ingresos realistas. “O que non podemos é gastar máis do que temos, como se fixo ata hai pouco”, sinala.