O Concello acometerá a mellora do acceso á igrexa de Cortegada e creará unha senda peonil

Silleda, 7 de xullo de 2014.  O Concello de Silleda acometerá a mellora do acceso á igrexa parroquial de Santa María de Cortegada. As obras consistirán na rehabilitación do firme da vía e na creación dunha senda peonil na marxe dereita da calzada.

Esta obra, que veñen demandando os veciños da localidade, xurde a raiz do mal estado do vial. “Consideramos que se trata dunha actuación necesaria porque se mellorará tamén aspectos relacionados coa seguridade vial”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Así, o proxecto desta actuación consistirá no saneo das zonas do firme deterioradas e rehabilitación do mesmo, con unha nova capa de rodadura. Para a execución da senda peonil empregarase unha capa de cemento-terra. A actuación consistiría no desmonte de parte do terraplén natural do terreo, no tramo inicial de subida, xerando un acceso peonil que se diferenciaría da zona do tránsito rodado.

O orzamento total desta actuación sitúase en 26.565, 86 euros e coas obras actuarase nun tramo de 315 metros de lonxitude e unha superficie total de 1.102,5 metros cadrados.

Dende o Concello de Silleda, promotor da actuación, agárdase que os traballos poidan comezar no menor prazo de tempo posible, para dar resposta así á petición dos veciños á hora de mellorar unha vía moi transitada polos veciños da parroquia e arredores.

O prazo de execución previsto para os traballos é de un mes.

“Con esta actuación queremos mellorar a accesibilidade nesta zona, onde a senda peonil permitirá a moitos usuarios acceder a pé á igrexa en condicións de seguridade”, sinala o alcalde.