O Concello acondicionará o vial entre Piñeiro e Abades

Silleda, 2 de marzo de 2019.  O Concello de Silleda continúa apostando pola mellora da rede viaria no rural con novas iniciativas. Así, unha das actuacións que se acometará con cargo ao programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal, cofinanciado a través da Axencia de Desenvolvemento Rural (Agader), será a do vial que une as parroquias de Piñeiro e Abades, que a día de hoxe presenta numerosas deficiencias.

A actuación, cun investimento total previsto segundo o proxecto de 101. 568 euros, levarase a cabo en dous tramos que suman algo máis de 2 kilómetros de lonxitude.

O primeiro deles é que vai dende o cruce co vial da Deputación EP-6511 (Bandeira-Piñeiro) ata o lugar de Covas, xa na parroquia de Abades, con 1.071 metros de lonxitude. Tamén se arranxará este vial no tramo dende Covas ata a pista que enlaza coa igrexa de Abades.

“É un vial moi transitado e que presenta moitas deficiencias pese a os arranxos puntuais que se levan realizado nos últimos anos”, indica o alcalde, “por iso apostamos por unha mellora integral de todo o trazado ao que dotaremos de aglomerado en quente”, engade o rexedor.

Esta técnica foi unha das apostas do presente mandato por parte do goberno municipal de Silleda para contar con actuacións de reparación e mellora na rede viaria máis duradeiras. A día de hoxe o Concello de Silleda ten en proceso de adxudicación outro plan de mellora viaria no rural por case 500.000 euros.

Neste plan, un dos máis ambiciosos dos últimos anos acometerase unha vella demanda : o arranxo da estrada que vai dende Piñeiro a Cira, na que se realizará unha reforma integral reforzando tamén  a seguridade deste vial que conecta estradas provinciais: a que vai dende Balboa a Ponteledesma e a que discorre pola parroquia de Piñeiro.

Tamén se acometerán melloras na parroquia de Escuadro, no tramo de Penadauga e na pista de acceso a Férveda;  na pista do Rañadoiro, que une a parroquia de Escuadro ca de Rellas; en Negreiros, onde se  contempla a mellora no lugar de O Campo; en Laro acondicionarase o vial que via dende a rotonda de Freixeiro ata o lugar de Galán e en Cortegada levarase a cabo a mellora da pista de Framiñán.

O lugar de Toxa, pertencente á parroquia de Silleda é outro dos núcleos que se mellorarán con este plan de actuación, acondicionando a pista que vertebra esta localidade.

“Esta será unha das actuacións máis ambiciosas dos últimos anos. Sabemos que hai outras moitas pistas que tamén necesitan reparacións, pero temos unha das redes viarias municipais máis extensas, cuns 1.000 kilómetros de pistas, e trataremos de ir realizando actuacións en todas as parroquias na medida do posible”, indica Manuel Cuiña, que lembra que nesta lexislatura o goberno municipal realizou una aposta forte pola mellora varia “con varias actuacións en aglomerado en quente e reformas máis amplas e ambiciosas”, engade.