O Concello actua na pista que une Rellas con Toxa, con case dous quilómetros

Silleda, 29 de outubro de 2014. O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Rural e Servizos está a acometer a mellora e adecentamento do vial que une a parroquia de Rellas co lugar de Toxa, en Silleda.

Trátase dunha vía de comunicación moi utilizada polos veciños que residen nesta zona do municipio e que se atopaba en moi malas condicións. Así, os operarios municipais procederon en días pasados a limpeza de toda a calzada e das cunetas, onde se retiraron numerosas ramas e outro tipo de maleza.

Unha vez limpo todo o tramo, procederase á dotación de zahorra para completar a mellora deste vial, que ten unha lonxitude de case dous kilómetros.

“É un vial de dimensións considerables que además da acceso a unha estrada provincial, a que une Silleda con Escuadro”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

O rexedor tamén lembra que o arranxo desta pista é unha vella demanda dos veciños e veciñas da zona, “que levan anos agardando á mellora deste vial, que quedará en mellores condicións logo da actuación que se está realizando dende o Concello”, engade.