O Concello actualiza os horarios das liñas de transporte público

Silleda, 13 de outubro de 2014. O Concello de Silleda vén de actualizar a información sobre os horarios e liñas de autobuses. O cadro con toda a información sobre este servizo está xa dispoñible na web municipal (silleda.es), no apartado de teléfonos e servizos.  

No cadro, xa actualizado co horario de outono, figuran as liñas a Santiago, Ourense, Pontevedra, Vigo, Lugo e as distintas rutas das empresas do sector que operan no municipio, cos horarios das paradas. Tamén figuran os teléfonos das empresas de transporte.

Toda esta información estará tamén a disposición dos usuarios nas marquesinas instaladas nas principais paradas de autobús.

Bolsas para transporte de universitarios

Por outra banda, continúa aberto ata o vindeiro martes día 21 o prazo para solicitar as bolsas de transporte para universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autonóma.

O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 150 euros. Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda, e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos.Así mesmo, a reda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.

A diferencia de anos anteriores, as axudas serán con ingreso directo na conta bancarias dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días naturais a contar dende a publicación das bases na web municipal As solicitudes deben de presentarse na Casa da Cultura de Silleda, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2013, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.