O Concello arranxa en colaboración cos veciños o acceso a Aldea Grande, en Saídres

Silleda, 10 de marzo de 2015. O Concello de Silleda iniciou hoxe os traballos de arranxo do acceso ao lugar de Aldea Grande, na parroquia de Saídres, en colaboración cos veciños da zona.

Así, estase a dotar de formigón o tramo que da acceso ás vivendas, á vista do mal estado no que se atopaba este vial. “Era unha vella demanda dos veciños deste lugar á que por fin agora puidemos dar solución”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

O rexedor agradece tamén a participación dos veciños que están a colaborar na realización de obras, extendendo o formigón e tamén usando vehículos para o traslado do material.

“Esta fórmula de colaboración vense realizando noutros puntos do noso rural. A colaboración dos veciños é clave para poder sacar adiante melloras como a que hoxe comezou en Saídres”, explica o alcalde.

Do mesmo xeito, nos vindeiros días tamén se procederá por parte do Concello a realizar a limpeza de cunetas e a reparar outro tramo de pista que da acceso ao lugar de Caxeba.

Esta actuación súmase á mellora da rede viaria que se ven realizando no municipio “para arranxar as deficiencias existentes e responder ás demandas veciñais”, engade Cuiña.