O Concello asina un convenio de cesión dun solar na rúa Castrelo

Silleda, 25 de abril de 2015. O Concello de Silleda vén de asinar un novo convenio de cesión dun solar no casco urbano de Silleda. Trátase de unha pequena parcela situada no número 10 da rúa Castrelo, situada ao lado doutro solar que tamén foi cedido polos seus propietarios ao Concello, e que se dotou hai xa tres anos como aparcamento público, con acceso dende a rúa Cartaxena.

A parcela conta con algo máis de 100 metros cadrados e podería acondicionarse ben como ampliación da zona de estacionamento ou como zona axardinada.

A cesión terá, coma noutros casos asinados recentemente, unha duración indeterminada, ata que os propietarios do terreo decidan destinalo a outro uso, notificándollo previamente ao Concello de Silleda, que asumirá todos os gastos e traballos para o adecentamento do terreo.

Dende o goberno municipal o alcalde, Manuel Cuiña, agradece o xesto aos seus propietarios “que se suman ao resto de veciñas e veciñas que nos últimos anos cederon tamén o uso de outras propiedades colaborando na dotación de servicios ou na humanización de espacios urbanos”, explica.

Así lembra que no caso de Silleda se habilitaron dous aparcamentos públicos, acondicionados polo Concello logo da cesión (na rúa Cartaxena e na rúa María Colmeiro) e se acondicionaron outras parcelas cedidas, caso das que albergan a cancha de práctica da escola de golf ou da zona de paso que da acceso a estas instalacións.

Na Bandeira tamén se acondicionou como zona axardinada e de paso outro solar na rúa Xeral cedido polos seus titulares.