O Concello coloca bancos na rúa da Estación e na de Chousa Nova

Silleda, 14 de outubro de 2016.  O Concello de Silleda procedeu en días pasados á colocación de dous bancos no tramo da rúa da Estación e doutro na rúa da Chousa Nova, preto do Centro Social. Esta actuación forma parte da mellora do mobiliario urbano na vila e vén a responder tamén á petición veciñal formulada por un grupo de usuarios que habitualmente camiñan por esta zona, como espazo para realizar descansos e conversar.

A estética dos bancos é a mesma que a dos instalados con anterioridade noutros puntos do casco urbano, coma os instalados na rúa Pintor Colmeiro, outro dos tramos que circundan a vila e polos que camiñan habitualmente numerosos veciños e veciñas.

“Despois de rematar tramos de aceras que aínda estaban incompletos, de facer outros novos tramos de sendas peonís, caso da de Vilanova, apostamos por mellorar o mobiliario urbano nas rúas”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.