O Concello comprométese a aumentar a asignación orzamentaria para a Escola de Música

Silleda, 11 de novembro de 2014. O alcalde e responsable municipal de Cultura, Manuel Cuiña Fernández, mantivo un encontro coa nova directiva da Asociación Sons de Trasdeza, que xestiona a Escola de Música Municipal, con centros en Silleda e A Bandeira.

Durante o encontro, ao que tamén asistiu o concelleiro Luis Rodríguez, os membros da directiva explicaron que xa hai acordo para o reparto económico entre os dous centros. Así mesmo, e para respostar á petición da asociación, o alcalde anunciou que nos orzamentos do vindeiro ano 2015 , -que está previsto aprobar o vindeiro mes de decembro-, se aumentará a consignación económica para a Escola Municipal de Música, que agora mesmo se sitúa en 82.000 euros anuais.

“Dende o Concello adquirimos o compromiso de facer un maior esforzo nos próximos orzamentos, para aumentar a asignación económica da Escola de Música Municipal”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que advirte “que estamos a traballar polo ben dun dos colectivos máis representativos e importantes que temos en Silleda”, engade.

A día de hoxe a Escola suma, entre os dous centros, preto de 200 alumnos e alumnas, experimentando este ano un novo aumento no número de matrículas. “Este é un dos colectivos máis importantes do municipio de Silleda, onde as nosas dúas bandas son unhas das grandes embaixadoras”, explica o alcalde, destacando a gran canteira musical de Silleda.