O Concello continúa coas melloras na Escola de Música de Silleda coa dotación de canalóns

Silleda, 8 de novembro de 2016.  O Concello de Silleda a través do departamento de Obras e Servizos continúa realizando distintas actuacións para mellorar a actual sede da Escola de Música de Silleda, no edificio municipal que foi a antiga central de oficinas da Fundación Semana Verde.

En concreto, na pasada semana iniciáronse os traballos para a colocación dos canalóns de recollida de pluviais en todo o tellado exterior do edificio. Con esta actuación contribuirase á mellora na conservación da cuberta.

Os traballos, que continúan estes días, veñen a sumarse a outras melloras realizadas nos últimos meses, logo do traslado do centro a este inmoble a principios de ano. Tamén está funcionando xa o novo sistema de calefacción, coa caldeira de biomasa instalada no centro, ao igual que noutras dependencias municipais (Casa da Cultura e Casa do Concello).  A mellora de aulas, con tarefas de pintado, entre outras, tamén se vén acometendo dende a instalación da Escola de Música nesta sede.