O Concello convoca aos propietarios dos terreos afectados pola construcción do novo trazada da estrada a Cira

Silleda, 24 de febreiro de 2015. O goberno local de Silleda convocou aos propietarios/as dos terreos afectados polo novo trazado da estrada Piñeiro-Cira a unha reunión que se celebrará o vindeiro vernes día 27 ás 20.00 horas no centro social de Cira.

Dende o Concello remitíronse misivas convocando a máis de 30 propietarios a este encontro, ao que asistirá o alcalde, Manuel Cuiña, e  no que se abordarán as fórmulas para poñer os terreos a disposición da Deputación de Pontevedra, que executará a obra.

O Concello de Silleda asumiu o compromiso de contar cos terreos para executar o novo trazado. Os técnicos do organismo provincial realizaron un proxecto con dúas alternativas para este novo tramo, que agora haberá que valorar. A inversión prevista supera os 750.000 euros.

O tramo que se mellorará conta con aproximadamente dous kilómetros de lonxitude, entre a pista de Augacae (á altura da parroquia de Dornelas) e o cruce de Cira. Trátase dun tramo moi sinuoso e con grandes desniveis que acentúan o perigo desta estrada, que une ademais o municipio silledense co veciño de Vila de Cruces.

“As dúas alternativas propostas para o novo trazado son moi similares, diferenciándose só no radio de amplitude das curvas”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Os traballos suporán un importante movemento de terras. Todo o pavimento irá en aglomerado en quente e colocaránse cunetas triangulares formigonadas.

O proxecto inclúe ademais toda a sinalización e pintado do vial, así como a dotación de vallas de protección para os desniveis, “unha medida moi importante para garantir a seguridade nesta estrada, que rexistra un destacado volumen de tráfico”, engade o rexedor. Tamén está previsto proceder á canalización dos regatos da zona.

Máis amplitude e posible senda

Coa mellora que se acometerá a calzada quedará máis ampla, con posibilidade incluso de crear unha senda peonil nunha das marxes do vial. “É unha actuación ambiciosa que agardamos poida comezar a materializarse canto antes”, engade o alcalde, agradecendo á Deputación o traballo realizado.