O Concello de Silleda abandona o Plan de Axuste decretado en 2012

-O Ministerio de Facenda vén de aprobar a solicitude de finalización. Manuel Cuiña amosa a súa satifacción ao confirmarse unha das decisións máis agardadas da última década, “despois do sufrimento que supuxo para esta entidade a adopción de medidas especiais pola grave situación das arcas públicas”, engade

Silleda, 31 de xaneiro de 2022.  O Concello de Silleda vén de recibir unha das novas máis agardadas da última década: o Ministerio de Facenda vén de ratificar a petición da entidade local para abandonar o Plan de Axuste Económico ao que foi obrigado a someterse o concello no ano 2012.

“Agora sí, podemos decir que xa estamos liberados do lastre que suponía este plan, decretado polo Goberno central hai dez anos, pola mala situación das arcas municipais  e que nos obligou a adoptar medidas moi restrictivas. É unha grande noticia para toda a veciñanza de Silleda”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña.

O goberno municipal xa avanzou en marzo do pasado ano que o Concello estaba en disposición de decir adeus ao Plan de Axuste , logo de liquidarse un dos dous préstamos que se solicitaron en 2012 para abonar as débedas contraídas con distintos proveedores.

Dito préstamo, por importe de 1,2 millóns de euros, foi liquidado en 2021 grazas aos remanentes e o outro xa se liquidara en 2019.

Grazas á boa situación económica das arcas municipais, o pasado ano puido aprobarse o amortización dos 349.186,54 euros que quedaban por pagar do crédito máis cuantioso que o Concello de Silleda se viu obrigado a solicitar.

As medidas impostas dende o Goberno central para o periodo 2012-2022 supuxeron a adopción de axustes no plano económico –Cuiña lembra o esforzo de toda a veciñanza cando se apagaron preto de 1.000 puntos de luz- e un endebedamento en dúas fases, -do chamado plan de pago a proveedores- con eses dous créditos e implicando unha serie de medidas cada un deles.

Este plan afectaba tamén noutros ámbitos, impedindo realizar novas contratacións de personal, e non permitindo cubrir, por exemplo, vacantes por xubilacións durante a vixencia destas medidas, derivadas do Real Decreto Lei 4/2012.

Agora, o Concello de Silleda abandona definitivamente este chamado Plan de Axuste para deixar as medidas de especial vixiancia que o Ministerio de Facenda mantiña nos últimos anos.

“Grazas á xestión realizada por este goberno nos últimos anos , e á contención no gasto, a situación económica do Concello de Silleda cambiou por completo, tal e como se vén desprendendo das liquidacións orzamentarias dos últimos anos”, explica o rexedor.

“Os números vermellos desapareceron das contas municipais en Silleda. E a día de hoxe, ademais de afrontar investimentos fomos quen de liquidar préstamos en base aos bos resultados”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

“Hoxe é un gran día para Silleda, despois do sufrimento que supuxo para esta entidade a adopción de medidas especiais pola grave situación das arcas públicas”, engade.

Na última liquidación das contas, o superávit na contabilidade  foi  de 1.361.127,09 euros, mentres o remanente de tesoureiría, (magnitude que mide a solvencia económica da entidade tendo en conta distintos baremos), alcanzou a cantidade de 1.646.496,03 euros.  O resultado orzamentario  (a diferencia  entre ingresos e gastos do exercicio) situouse en 947.599,47 euros.