O Concello de Silleda abonou outros 70.000 euros para saldar a débeda co BSCH

Silleda, 10 de xaneiro de 2014.  O goberno municipal de Silleda formalizou hoxe o ingreso de 70.000 euros para dar cumprimento ao acordo acadado en xaneiro de 2013 para zanxar a débeda co BSCH, entidade que iniciou un pleito hai xa varios anos para reclamar o pago dun crédito solicitado xa na época de Juan Salgueiro como alcalde.

O acordo supón rebaixar a débeda total de 360.239 euros (cantidade que inclúe tamén intereses de demora e costas procesais) ata os 178.000 euros, cun considerable aforro para as arcas municipais, renunciando a empresa ao cobro dos intereses. O goberno local, logo de varios meses de negociación conseguiu hai agora un ano conveniar coa empresa Prime Credit (que mercou a débeda da citada entidade bancaria) o pago fraccionado deses 178.000 euros en tres prazos.

Así, en xaneiro de 2013, cando se asinou o acordo, fíxose un primeiro abono de 70.000 euros, hoxe abonouse o segundo prazo, tamén por 70.000 euros e restan só por pagar outros 38.914,84 euros, que se abonarán en xaneiro de 2015.

“Este goberno está a cumplir cun acordo que moi beneficioso para este Concello. Fomos quen de pechar por fin outros dos frentes abertos que tristemente nos deixaron a todos os veciños e veciñas gobernantes anteriores”, sinala o alcalde e responsable de Facenda, Manuel Cuíña.

O rexedor advirte que a débeda co BSCH,  por un crédito solicitado no ano 1997 se enmarca “na vergoñenta costume que tiñan os gobernante do PP en Silleda de deixar correr os intereses ata superar a cantidade principal da débeda”. A débeda principal coa entidade ascendía a 178.914,84 euros (xa se pagaran no ano 2011, a cantidade de 12.000 euros), mentras que os intereses e as costas deste pleito se  situaban xa en 181.324,67 euros.

Antecedentes: Crédito refinanciado no ano 2000

No ano 2008, o BSCH presentou un contencioso contra o Concello de Silleda por impago dun préstamo. Este crédito fora solicitado no ano 1997 polo goberno municipal, entonces presidido por Juan Salgueiro, para financiar obras municipais. Tres anos despois, o executivo do popular José Fernández Viéitez acordou en solitario, no pleno do 27 de xullo de 2000, refinanciar ese préstamo, por importe de 35 millóns das antigas pesetas.

A demanda chegou durante o goberno de Paula Fernández, na lexislatura anterior, e xa daquela se iniciaran negociacións para saldar a débeda.  Así mesmo, tamén se presentaron alegacións ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para que o proceso se pasara á vía civil, reclamación que foi atendida.  “Antes da moción de censura tiñamos incluso un preacordo para zanxar esta débeda co BSCH”, lembra Cuíña.

O 17 de decembro de 2012 o Xulgado de Primeira Instancia de Lalín emitiu sentenza estimando a demanda de Prime Credit e condeando ao Concello de Silleda ao pago da débeda.

Máis acordos nesta lexislatura

Na actual lexislatura o executivo socialista de Silleda acadou varios acordos con firmas e entidades acreedoras para cancelar importantes débedas herdadas. O de Prime Credit súmase aos acordos con Urbaser ou o recente acordo con Sogama, entidade á que se lle adeudan  387.000 euros. “Este acordo vén a sumarse a outros convenios negociados por este goberno, coma o de Sogama, para meterlle man dunha vez por todas ao lastre da débeda neste Concello”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña. Como xa explicou a semana pasada ao dar conta do acordo con Sogama, o rexedor avanza que o goberno municipal “segue a traballar para conseguir  liquidar as contas pendentes que nos toca asumir, en moitos casos por vía xudicial, con contundentes demandas por impago”, engade.

A prioridade no pago aos acreedores que realicen quitas é unha das liñas iniciada xa na anterior lexislatura polo executivo socialista.

“Creo que estamos na boa senda, e aínda que quedan contas importantes por saldar, nesta lexislatura levamos xa abonados 1,6 millóns de euros”, reitera. “Pero ademais de abonar facturas atrasadas tamén temos ao día os pagos, polo que resulta aínda máis incomprensible a actitude irresponsable dos gobernos populares que nos precederon”, afirma.