O Concello de Silleda abre mañá as piscinas municipais, con cursos de ximnasia na auga e natación para adultos como novidade

O Concello de Silleda abre  as piscinas municipais, con cursos de ximnasia na auga e natación para adultos como novidade

-Os recintos de Silleda e da Bandeira acollerán cursos pola mañá dende o vindeiro luns. Para anotarse é preciso inscribirse dende mañá nas propias piscinas co personal de socorrismo. Os dous recinto contarán con aforo limitado e outras medidas preventivas pola COVID-19

Silleda,  30 de xuño de 2021.   O Concello de Silleda abrirá ao público as instalacións das piscinas municipais ao aire libre de Silleda e da Bandeira mañá xoves día 1.

Os dous recintos estarán abertos ao público en xeral de 14:30 a 21:00 horas durante a semana e as fin de semana e xornadas festivas de 15:00 a 21:00 horas.

Durante a mañá as instalacións acollerán cursos de natación, -que o pasado ano se suspenderon pola pandemia- en horario de 12:00 a 14:15, con tres turnos nesta franxa horaria.

Como principal novidade, ademais dos cursos de iniciación e perfeccionamento para nenos e nenas, este ano introdúcese un específico para persoas adultas, con natación e ximnasia de mantemento na auga.

Así, os cursos infantís serán os luns, mércores e vernes, e para as persoas adultas resérvanse as xornadas de martes e xoves.

Deste xeito tamén se ofrece unha alternativa para a práctica deportiva acuática ao público en xeral, tendo en conta que no último ano non se celebraron moitas das actividades deportivas habituais.

A inscrición nos cursos, que comezarán o vindeiro luns día 5,  farase como en anos anteriores nas propias  piscinas co personal de socorrismo. O custe destes cursos (con tarifas moi vantaxosas para as persoas abonadas) debe abonarse tamén nas piscinas.

A entrada unitaria custa 1 euro (gratis para menores de 3 anos) e os bonos para toda a tempada poden adquirise no Rexistro Municipal (na pranta baixa do Concello).

Cursos a partir de 5 anos e melloras nas dúas instalacións

No caso dos cursos infantís, os nenos e nenas participantes deberán ter como mínimo 5 anos. Esta limitación de idade vén dada pola situación sociosanitaria, xa que no caso dos menores de menos idade se precisaría nalgúns casos o acompañamento dentro da piscina.

Tamén se volven abrir ao público os vestiarios e aseos, remodelados por completo no caso do recinto de Silleda, logo do investimento realizado o pasado ano, con máis de de 67.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental e fondos municipais.

Ademais desta destacable mellora, que se estrenará neste verán e que servirá para dar servizo tamén ao recinto deportivo de Outeiriño durante o resto do ano, nas últimas semanas leváronse a cabo distintas melloras nos dous recintos municipais.

Así, ademais de pintar os frentes das distintas instalacións, tamén se vén de renovar por completo a cartelería fixa (coa normativa xeral de uso das piscinas)  e a identificativa das distintas dependencias.

Así mesmo, e igual que o pasado ano, colocaránse carteis informativos ca normativa COVID específica (distancia interpersoal, uso de máscara agás durante o baño e ducha, desinfección de mans….)

Aforo limitado

Tal e como recolle a normativa autonómica en materia de piscinas, coa aplicación do protocolo establecido, haberá aforo limitado nos dous recintos, así coma nos vestiarios.

No caso da piscina de Silleda o aforo máximo é de 100 persoas (o pasado ano xa se pechou en dúas ocasións durante a tarde ao cubrirse o total de prazas), e na da Bandeira o aforo é de 90 persoas.

Nos vestiarios, cunha ocupación máxima do 30% segundo a normativa vixente, só poderá haber 3 persoas á vez.