O Concello de Silleda abre mañá as piscinas municipais e o Mosteiro de Carboeiro

-Este ano non se celebrarán cursos de natación e as instalacións abrirán ao público de luns a venres en horario de 12:00 a 21:00 horas e os sábados e domingos de 15:00 a 21:00 horas. Non se abrirán os vestiarios para evitar contacto entre as persoas usuarias. O aforo queda limitado ao 75%

-En Carboeiro accederase con máscara as dependencias monacais e o aforo será tamén limitado

 Silleda, 30 de xuño de  2020.  O Concello de Silleda abrirá mañá ao público as instalacións das piscinas municipais ao aire libre de Silleda e da Bandeira e tamén nesta xornada terá lugar a reapertura do Mosteiro de Carboeiro.

No caso das piscinas, dadas as circunstancias excepcionais deste ano e a fin de previr e ofertar un servizo con maiores garantías sanitarias non se abrirán ao público os vestiarios , co que as persoas usuarias só poderán usar as zonas comúns exteriores e os aseos, que se desinfectarán con frecuencia.

Así mesmo, tampouco se ofertarán como en anos anteriores cursos de natación. Este feito permitirá ampliar o horario de apertura ao público das piscinas con dúas horas máis repecto a anos anteriores.

Así, as instalacións estarán dispoñibles, de luns a venres,  en horario de 12:00 a 21:00 horas, e tendo en conta que a normativa actual permite a entrada só ao 75% do aforo, quedando nun máximo de 100 persoas no caso da de Silleda e de 80 na Bandeira.

Tamén e para evitar a súa manipulación física, non se venderán bonos para esta tempada, cobrándose só a entrada diaria (1€).

Nas últimas horas procedeuse tamén a parcelar os espazos que ocuparán as persoas usuarias, que deberán usar como norma xeral máscara de non gardarse nas zonas comúns a distancia mínima interpersoal. Será obrigatorio desinfectar as mans á entrada e saída e está prohibido fumar en todo o recinto, tal e como se acordou na modificación da ordenanza municipal a finais do pasado ano.

Todas estas obrigas están recollidas nos carteis informativos que xa se colocaron nas dúas instalacións.

Dende o goberno municipal, Manuel Cuiña sinala que todas as medidas adoptadas neste ano excepcional están encamiñadas a garantir un uso seguro destas instalacións. “Ofertamos á veciñanza de Silleda a posibilidade de disfrutar das piscinas, pero cunha serie de medidas e restriccións pensadas no benestar e na seguridade das persoas”, engade.

Reapertura de Vista Alegre e do mosteiro

Por outra banda, na reapertura progresiva de instalacións municipais na xornada de onte luns tamén reabriu as súas portas o Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, na que tamén queda restrinxido o uso de dependencias como a ludoteca e os usuarios deberán de cumprir coa normativa vixente en canto a medidas de prevención.

O que non se reabre de momento é a Casa da Xuventude de Silleda. Para a realización de trámites coma o Carné Xove –que se realiza nestas dependencias- ou a reserva do pavillón deportivo, haberá que dirixirse á Casa da Cultura de Silleda.

Tamén na xornada de mañá se reabre o Mosteiro de Carboeiro, ao que se incorpora tamén a persoa contratada de xeito temporal como guía a través da Rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

En xullo e agosto aplicarase o horario de verán, abrindo todos os días en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas. A época estival coincide ademais co maior número de visitantes do mosteiro, que reabre as súas portas logo de varios meses pechado pola crise sanitaria.

Será obrigatorio o uso de máscara así como a desinfección de mans para acceder ao edificio e á sala de Exposicións e o aforo será controlado.

Nos últimos días xa se procedeu á limpeza e desinfección tanto interior como exterior das dependencias monacais e tamén se aproveitou dende o Concello o peche da instalación ao público para pintar as portas e ventás, completando os traballos de restauración realizados pola Consellería de Cultura e Turismo.