O Concello de Silleda abre o prazo para o servizo lúdico do curso escolar 2020-2021

-As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 31 de xullo

Silleda,  13 de xullo de 2020.  O Concello de Silleda a través da Concellería de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, abre o prazo de inscrición para participar no Servizo Lúdico Educativo durante o curso 2020-2021.

Este servizo, de apertura de centros escolares fora das horas lectivas, é para o alumnado de 3 a 12 anos (Infantil e Primaria). As solicitudes deben presentarse no Rexistro Municipal ata o vindeiro 31 de xullo.

Nesta ocasión, non se recollerán pre inscricións para o campamento de Nadal nin o de verán do vindeiro ano. “Para estes casos abrirase un prazo extraordinario axustándonos ás medidas sanitarias que se establezan no momento”, explica a concelleira de Educación.

Con todas as inscricións que se recollan ata o vindeiro día 31 (inclusive) realizarase unha listaxe de postos dacordo ao Regulamento municipal establecido por este servizo, e unha vez que se publiquen as medidas de prevención pertinentes por parte das autoridades sanitarias, establecerase a listaxe de persoas admitidas neste servizo. Tamén se darán a coñecer cuestións relacionadas do desenvolvementos destas actividades así como as medidas hixiénico sanitarias a ter en conta.

En canto as taxas, os prezos públicos por este servizo están recollidos na ordenanza fiscal que regula o servizo lúdico do Concello de Silleda, que pode consultarse na web municipal.

Os formularios para as solicitudes estarán dispoñibles no Rexistro municipal e tamén na páxina web, no seguinte documento adxunto en PDF.