O Concello de Silleda abrirá as piscinas ao público o vindeiro mércores 1 de xullo

Este ano non se celebrarán cursos de natación e as instalacións abrirán ao público de 12:00 a 21:00 horas. Non se abrirán os vestiarios para evitar contacto entre as persoas usuarias

-Os locais sociais do rural poderán comezar a usarse nos vindeiros días, sempre previo aviso ao Concello

 

Silleda, 22 de xuño de  2020.  O Concello de Silleda abrirá ao público as instalacións das piscinas municipais ao aire libre de Silleda e da Bandeira o vindeiro mércores día 1 de xullo.

Dadas as circunstancias excepcionais deste ano e a fin de previr e ofertar un servizo con maiores garantías sanitarias non se abrirán ao público os vestiarios , co que as persoas usuarias só poderán usar as zonas comúns exteriores e os asesos, que se desinfectarán con frecuencia.

Así mesmo, tampouco se ofertarán como en anos anteriores cursos de natación. Este feito permitirá ampliar o horario de apertura ao público das piscinas con dúas horas máis repecto a anos anteriores.

Así, as instalacións estarán dispoñibles en horario de 12:00 a 21:00 horas, e tendo en conta que a normativa actual permite a entrada só ao 75% do aforo. Tamén e para evitar a súa manipulación física, non se venderán bonos para esta tempada, cobrándose só a entrada diaria (1€).

Dende o goberno municipal, Manuel Cuiña sinala que todas as medidas adoptadas neste ano exepcional están encamiñadas a garantir un uso seguro destas instalacións. “Ofertamos á veciñanza de Silleda a posibilidade de disfrutar das piscinas, pero cunha serie de medidas e restriccións pensadas no benestar e na seguridade das persoas”, engade.

Así mesmo, estase á espera das directrices das autoridades competentes para coñecer se é preciso marcar os espazos a utilizar, aparcelando as zonas comúns de estancia.

Nos próximos días procederase así mesmo á selección dos/as socorristas que se encargarán de atender os dous recintos.

Instalacións deportivas e locais sociais

Por outra banda nos vindeiros días está previsto ir abrindo a utilización doutras instalacións municipais e dos locais sociais, sempre tendo en conta unha serie de consideracións.

Así, no caso das instalacións deportivas será preciso coma ata o de agora facer reserva previa e dando prioridade aos clubs que utilizan habitualmente as instalacións, se ben de momento non reanudaron os adestramentos.

Para as reservas das instalacións de Silleda agora hai que facelas na Casa da Cultura (986 581028), en horario de 10 a 14:00 hroas. Tamén nesta instalación se tramitarán ata novo aviso os Carnés Xoves, ao continuar pechada ao público de momento a Casa da Xuventude.

No caso dos locais sociais de titularidade municipal do rural, remitirase unha nota informativa a todos os colectivos nestes días. Todas as persoas ou entidades que queirán facer uso destes locais deben de comunícalo por escrito ao Concello e asinar unha declaración responsable compromentendose a garantir cuestións relacionadas co aforo ou distancia interpersoal entre outros.