O Concello de Silleda acolle unha nova entrega de trampas contra a velutina

Silleda, 27 de marzo de 2019-.  O Concello de Silleda entregará a vindeira semana máis trampas contra a vespa asiática (velutina) ás persoas que amosaron o seu interese en días pasados. O material entregarase o luns día 1 de o martes 2 na Casa da Cultura de Silleda, en horario de 10:00 a 14:00 horas e no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira (de 16:00 a 22:00 horas). Este material só se dará a aquelas persoas que se interesaron por dispoñer de trampas e líquido atraínte,  así como a firmar o compromiso  de facer un uso eficiente e responsable do plan e de seguir as instrucións aportando os datos da ficha de captura.

Esta entrega forma parte do programa municipal “Silleda contra a vespa velutina” que arrancou a principios de mes con sesións informativas en Laro, Cira, A Bandeira e Silleda, informando á veciñanza sobre como actuar perante o despertar  das raíñas fundadoras, xa controlando e destruíndo os niños primarios xa colocando trampas  nas árbores que teñen flor para poder cazalas.

Como di o experto José Mª Bello, “cada raíña collida , cada exemplar destruído nesta data,  supón unha colonia menos de ata 10.000 vespas asiáticas, as que estarán ocupando os grandes niños que se ven nos cumios das árbores, no verán”.

Entre o mes de marzo e maio, a captura de raíñas é crucial para evitar a expansión  podendo facerse, tal e como se explicaba nas charlas dadas, de forma sinxela e sen perigo, xa con esprais,  nos niños pequenos, xa con trampas nas árbores e arbustos en flor, coma os camelios, rododendros, cerdeiras, etc.

“ Cada raíña que se elimine agora, será un niño dos grandes menos, e nesa operación temos que colaborar todos os veciños, xa mirando nas palleiras, garaxes, bloques, leñeiras, xa estando pendentes das flores con pistilos que lles serven ata finais de maio como alimento” , sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

Ata o  martes pasado, foron entregados 75 trampas  co seu correspondente líquido atraínte aos asistentes ás charlas, despois de firmar o compromiso de realizar un programa de capturas de velutinas.

O programa de Capturas remata a finais de maio, de maneira que  a primeiros do mes de xuño haberá unha nova reunión para a entrega das fichas co número de velutinas eliminadas e co información do inicio da información de cómo actuar  diante da detección dos niños secundarios.

Dende o Concello tamén se incide na importancia de que as podas e desbroces se fagan agora ata o mes de xuño. por ser menos perigoso e que a xente estea moi atenta aos lugares onde vaia desbrozar.