O Concello de Silleda acometerá melloras en cruces da rúa Progreso e a praza Siñor Afranio para mellorar a accesibilidade e seguridade

Silleda, 7 de setembro de 2013. O goberno municipal de Silleda, con ánimo de continuar avanzando na mellora e humanización de espazos urbanos, acometerá unha nova inversión nas rúas de Silleda. En concreto, o novo proxecto de mellora inclúe a reforma da rúa Progreso, no cruce coa Emilio Alonso Paz, e coa praza Siñor Afranio.

A intervención, que se realizará dende o Concello de Silleda con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación (PID), ten un orzamento de 49.641,65 euros. Afectará a dous puntos de confluenza da rúa Progreso, unha das máis transitadas do casco urbano e con grande actividade comercial.

No cruce de Progreso coa Alonso Paz proxectase a ampliación das catro esquinas da beirarrúa para conseguir a formación de vaos peonís. Elevarase tamén a cota do asfalto para manter ao mesmo nivel a rúa Emilio Alonso Paz.

No caso do cruzamento coa praza Siñor Afranio, tamén se eleva a cota do pavimento asfaltado ata o actual borde da beirarrúa. Así mesmo, para conseguir a uniformidade da praza e a supresión total de barreiras arquitectónicas , tamén se levará a cabo a mesma actuación no tramo da rúa Antón Alonso Ríos (antiga San Isidro), ata o enlace coa rúa Castrelo. Esta ampliación farase con formigón impreso, similar ao colocado na rúa Cartaxena, onde tamén se actuou recentemente.

Para acometer estas tarefas de urbanización, haberá que remodelar tamén os sumidoiros e arquetas nas zonas onde se prevé realizar as obras. Tamén será necesario executar unha rede de recollida de pluviais.

En ámbolos dous puntos colocarase pavimentos distintos para diferenciar os pasos de peóns e os límites coa rúa, de acordo tamén á Lei de Supresión de Barreiras Arquitectónicas. Tamén está previsto colocar bolardos para a protección dos viandantes.

“Coa intervención que propoñemos ademais da mellora estética destes puntos do casco urbano, tamén se gañará en accesibilidade e seguridade neste tramo urbano”, conclúe o alcalde e concelleiro de Obras, Manuel Cuíña Fernández.

Así, esta intervención súmase ao proxecto de mellora de viais no rural, que está ultimando o departamento de Medio Rural, e que tamén se incluirá no PID deste ano, cun investimento duns 100.000 euros.