O Concello de Silleda acondiciona o entorno da capela de San Brais de Chapa

Silleda, 20 de xaneiro de 2015. O Concello de Silleda está a acondicionar estes días o entorno da capela de San Brais, en Chapa. Os traballos comezaron coa recuperación dun tramo en pedra do antigo camiño que baixa dende o lugar da Devesa ata a fonte do lugar e a capela.

Os operarios municipais están a retirar toda a terra e maleza que cubría dende hai anos este antigo paso. “É unha zona con un entorno fermoso que merece ser recuperado e acondicionado”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, as pedras deste antigo paso que atravesa un regato quedarán á vista despois desta actuación. O camiño á acceso á capela e tamén á fonte de pedra na que é tradición para moitos veciños da zona recoller auga.

Para completar os traballos de mellora do entorno e os seus accesos  dende o Concello tamén se botou zahorra na pista principal de acceso á capela, que data do século XVIII.

Todos estes traballos estánse a realizar a fin tamén de ter a zona lista para a celebración do San Brais o vindeiro día 3 de febreiro, unha xornada na que tradicionalmente acostuman a acudir moitos veciños do entorno.

As tarefas de acondicionamento xunto á capela de San Brais incluirán tamén o desbroce nas inmediacións do templo.