O Concello de Silleda acondiciona unha zona de estacionamento na parroquia de Piñeiro

Silleda, 20 de maio de 2021. O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos, que dirixe Antonio Ferro Losada, vén de acondicionar unha zona de estacionamento na parroquia de Piñeiro.
Operarios municipais traballaron nos últimos días nas tarefas de acondicionamento desta área, situada preto da igrexa e o cemitero parroquial.
Estes terreos, que xa se viñan utilizando por parte da veciñanza como zona de estacionamento, acondicionáronse con zahorra para melloras as condicións de acceso das persoas usuarias.
“Era unha actuación moi demandada pola parroquia”, indica o concelleiro de Obras que se achegou onte ata o lugar para supervisar os traballos.
Equipo de bacheo
Por outra banda, o equipo de bacheo municipal, dependente do mesmo departamento, continúa estes días actuando en distintos puntos do municipio. O equipo incorporou a 4 persoas como operarias a mediados do pasado mes de abril, con cargo á liña 3 do Plan Concellos da Deputación, para o fomento do emprego. A través deste plan tamén se incoroporaron outras 4 persoas ao servizo de limpeza viaria municipal e unha administrativa nas oficinas xerais.
O equipo de bacheo realizou nos últimos días actuacións en varios puntos de Chapa, Parada e Oleiros, entre outros.