O Concello de Silleda activa un ano máis becas para estudantes universitarios e de ciclos formativos

-O BOP de Pontevedra publica hoxe a convocatoria das axudas que poden solicitarse ata o vindeiro  día 26

Silleda, 11 de outubro 2021.  O Concello de Silleda, a través da Concellería de Educación que dirixe Ángela Troitiño, pon en marcha un ano máis as axudas a estudantes universitarios e de ciclos formativos para o vindeiro curso académico.

Logo da publicación das bases o pasado mes de agosto por parte do Pleno, hoxe o BOP de Pontevedra publica a apertura da convocatoria. Estas  becas municipais están destinadas a persoas que cursen estudos universitarios (agás os que cursen Másters, Posgraos ou Doutoramentos) e estudantes de ciclos formativos (medio ou Superior) que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma. Tamén se amplía como no anterior curso o abano de persoas destinatarias, incluindo Ensinanzas Artísticas Superiores  e modalidades de Bacharaleto.

O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para o curso 2021/2022.  Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 6.000 euros.

Ao igual que aconteceu xa nos últimos anos, as axudas serán con ingreso directo na conta bancaria dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días hábiles a contar dende o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP, rematando dito prazo o vindeiro martes 26 de outubro.

As solicitudes deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2020, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.

Axudas para material escolar

Por outra banda, tamén está aberta ata o venres 22 as  axudas complementarias para libros de texto e material escolar, neste caso destinadas a familias que precisan dunha protección especial ou ben teñen a todos os seus membros en situación de desemprego.

Todas estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal, no que se reservou unha partida específica de 20.000 euros para estas subvención de apoio ao estudo e a formación.