- Os traballos comezarán nos próximos días e a actividade lectiva trasladarase de maneira progresiva ás instalacións da Fundación do Campo Galego, onde xa ensaian as tres bandas
Silleda, 20 de abril de 2026. O Concello de Silleda vén de adxudicar á empresa Cruz Val Obras y Servicios as obras de reforma integral e mellora da accesibilidade da Escola de Música Municipal, nun procedemento ao que concorreron tres ofertas, resultando elixida a proposta desta firma por ser a mellor valorada no concurso público.
A actuación, cun investimento próximo aos 900.000 euros, supón un paso decisivo para facer realidade unha intervención estratéxica nun equipamento educativo e cultural de referencia no municipio, que permitirá modernizar por completo o edificio e adaptalo ás necesidades actuais en materia de accesibilidade, eficiencia enerxética e funcionalidade.
As obras comezarán nos próximos días, polo que se está xa a executar de maneira progresiva o traslado da actividade docente e musical ás instalacións da Fundación do Campo Galego, no recinto feiral da Semana Verde, en virtude do convenio establecido entre ambas entidades para garantir a continuidade do servizo mentres duren os traballos.
De feito, os ensaios das tres bandas vinculadas á Escola de Música xa se están a desenvolver no propio auditorio, mentres se continúa organizando o traslado progresivo do resto das clases e actividades ao novo emprazamento provisional.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que “esta adxudicación supón un paso definitivo para facer realidade unha demanda histórica e para garantir o futuro da Escola de Música, un servizo fundamental para Silleda tanto dende o punto de vista educativo como cultural”.
O proxecto contempla actuacións fundamentais como a instalación dun ascensor, a creación de accesos adaptados, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a mellora do illamento térmico e acústico, a renovación da carpintería exterior e interior, así como a creación de novos aseos e a reorganización das aulas e salas de ensaio para optimizar o uso docente e artístico do centro.
A Escola de Música Municipal conta con máis de 200 alumnos e alumnas e constitúe a canteira da Banda de Música Municipal de Silleda , , ademais doutros grupos tradicionais, sendo un dos principais motores da vida cultural do municipio. Por iso, dende o goberno local insístese en que a prioridade foi compatibilizar a execución dunha obra imprescindible co mantemento do servizo en condicións de seguridade e normalidade.
As instalacións provisionais da Fundación do Campo Galego permitirán dispoñer de espazos amplos e versátiles para a actividade lectiva e musical, incluíndo o auditorio principal para os ensaios, así como distintas salas de apoio, camerinos e zonas comúns adaptadas. Dende o Concello agradécese expresamente a colaboración da Fundación do Campo Galego e da Fundación Semana Verde de Galicia para facer posible esta solución temporal.
A reforma integral da Escola de Música conta cun orzamento total de 890.185,78 euros e está cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través do Fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, e o Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra, convocatorias ás que o Concello de Silleda presentou este proxecto.
