O Concello de Silleda aproba dúas novas solicitudes do Plan de Axuda a Emprendedores

A Xunta de Goberno Local deu o visto bo ás peticións de Diego González López e Alecrín Fisioterapia

Silleda, 14 de xullo  de 2016. O Concello de Silleda vén de aprobar dúas novas subvencións  concedidas con cargo ao Plan Municipal de Creación de Emprego.

Este programa, unha das apostas do executivo para esta lexislatura, foi dotado inicialmente no orzamento con 25.000 euros para o presente ano. As axudas son  a fondo perdido, subvencionando parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade.

Na  Xunta de Goberno Local celebrada onte deuse o visto bo ás solicitudes de Diego González López, -que abriu unha explotación de ganado cabalar en Oleiros- por un importe de 1.800,00 euros e Alecrín Fisioterapia, unha nova clínica que recentemente abriu en Silleda, e que oferta servizos de fisioterapia preventiva e terapéutica, e á que se lle concederon 900,00 euros.

As cantidades outorgadas correspóndense  coa puntuación obtida segundo a táboa de cualificacións que figura nas bases.

Estas dúas propostas, presentadas por emprendedores do municipio que crearon recentemente as súas empresas en Silleda e en Oleiros, súmanse á axuda concedida a Maite Santiago Louzán, o pasado mes de marzo. E máis alá, a outras 5 do pasado ano 2015.

Tal e como indican as bases, aboaráselle nos vindeiros días aos beneficiarios o 75% da subvención concedida, e o restante nun prazo de 6 meses.

As bases do Plan poden consultarse na web municipal (www.silleda.gal) Segundo se recolle nestas, poderán acollerse a estas axudas os empresarios/as, autónomos e as pemes de Silleda que iniciaran a súa actividade dende o pasado 1 de xaneiro e ata o 31 de decembro.

As entidades deben de ter o seu enderezo no municipio, ser empresas de nova creación e como mínimo un dos promotores debe de estar en situación de desemprego ao inicio da actividade.

As axudas a fondo perdido teñen por finalidade subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. O importe máximo destas axudas será de 3.000,00 € por empresa ou persoa beneficiaria, en base ao baremo de puntuación, e non poderá ser superior ao 50% dos gastos efectuados durante o período indicado.

Estas axudas serán ademais compatibles con outras concedidas por entidades públicas ou privadas, cumprindo unha serie de requisitos que recollerán tamén as bases.