O Concello de Silleda arranca o plan de mellora dos parques infantís do municipio

-Hoxe iniciáronse as obras de mellora da zona de xogo e deportiva do parque municipal das Pedrosas. Levarase a cabo con fondos da baixa de obras financiadas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Silleda, 22 de setembro de 2023-. Esta mañá o Concello de Silleda comezou a súa primeira actuación dentro do plan municipal de mellora dos parques infantís coa ampliación e renovación integral do que está situado no Parque Municipal das Pedrosas.

Deste xeito, colocarase unha nova área de xogo na que se inclúen un conxunto de columpios combinados con cestas para bebés e un asento adaptado. Tamén haberá un columpio con dous asentos e un novo balancín.

Ademais, nos vindeiros días procederase á limpeza e restauración da área infantil e do resto de elementos existentes nas Pedrosas, que a día de hoxe conta cunha área infantil, outra xuvenil (con elementos de calistenia e tirolina entre outros) e tamén un parque con elementos biosaudables. Deste modo, mellorarase este parque municipal, cunha superficie total de 13.000 metros cadrados e moi concurrido pola veciñanza.

A adquisición dos novos elementos de xogo ten un orzamento de 10.000 euros, e realizouse con cargo aos fondos da baixa do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A mellora e limpeza dos elementos xa existentes e a colocación dos novos columpios, para a que xa se realizaron traballos ca necesaria cimentación nos últimos días, acométese con personal municipal do Concello de Silleda.

O das Pedrosas será o primeiro parque infantil do municipio no que se actuará dentro deste plan, no que se continuará con actuacións noutras instalacións infantís.

Nos últimos anos renovouse por completo o da praza Juan Salgueiro de Silleda, e a día de hoxe están a piques de rematar os traballos de renovación do parque infantil da Bandeira.

O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Xestión Urbana, Paula Fernández Pena, visitaron hoxe os traballos, para a colocación dos novos elementos nas Pedrosas, que concluirán a vindeira semana, toda vez que xa se realizaron as obras para o anclaxe dos novos elementos.