O Concello de Silleda arranxa un vial en Toxa anegado polo temporal e rexistra máis danos en bens municipais

Silleda, 23 de decembro de 2019.  Os servizos municipais de Silleda continuaron hoxe traballando arreo para solventar algúns dos desperfectos máis graves da pasada fin de semana por mor do temporal.

Ademais de numerosas árbores caídas e desprendementos de chapas e carteis, as inclemencias meteorolóxicas afectaron gravemente a distintos bens municipais. Así, ao derribo da carpa da petanca da Bandeira e ao anegamento de instalacións coma o sótano da Escola de Música Municipal de Silleda, hai que sumar o levamantamento de varias chapas da cuberta das pistas de pádel situadas en O Castro.

A rede de estradas, debido sobre todo ás fortes choivas dos últimos días, tamén se viu afectada. Un dos puntos máis conflictivos foi a estrada do lugar de Toxa, en Silleda, onde os operarios municipais traballaron durante toda a mañá de hoxe para colocar unha nova tubaxe que permitirá evitas as escorrentías. “Realizouse un gran esforzo con esta actuación dado que os tubos estaban trancados e a gran cantidade de auga que caeu estaba a danar seriamente este vial”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Tamén se abriron baches en distintos puntos da rede de estradas provinciais e autonómicas (caso da recta de Os Chaos, en Oleiros) así coma nalgunhas vías urbanas.

O alumeado público foi dos máis afectados, con graves avarías en todo o termo municipal. Logo de resolver entre o xoves e o venres máis de 30 incidencias (algúnha delas moi grave coma o incendio no cadro de luz do lugar do Foxo por mor da tronada na noite do mércores), os servizos municipais seguen a traballar para restablecer o servizo na liña municipal.

Hai avarías rexistradas en Pazos, varios lugares de Cortegada, Taboada, Abades, Vilar, Saídres, Cira, Manduas, Siador, O Foxo,  Lamela e en varias rúas de Silleda.

Dende o goberno municipal Manuel Cuiña adianta que os danos son cuantiosos e agradece a paciencia dos veciños e veciñas ante a situación. “Agardamos que nas próximas horas poidamos restablecer o alumeado público nos lugares onde aínda persisten as avarías”, indica o alcalde.

A partir do xoves dende o Concello tamén se fará un informe sobre os viais danados para establecer un plan de reparación urxente e comunicar ás distintas administracións (no caso das vías supramunicipais) os danos causados reclamando a súa urxente reparación.