O Concello de Silleda arranxará tres viais con cargo ao Plan Marco, con unha inversión de 162.383 euros

Silleda, 6 de decembro de 2014. A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar o proxecto que se executará con cargo ao Plan Marco, para a mellora de camiños de titularidade municipal.

Con esta actuación, con un orzamento total de 162.383 euros, actuarase sobre tres vías: a que vai dende Andamollo a Medelo; a do Camiño de Penido, en Chapa, e outra en Martixe, entre Martixe e Paradela de Abaixo.

As dúas primeiras serán dotadas de aglomerado en quente. A pista de Andamollo-Medelo, con algo máis de 1,9 kilómetros parte dende Chapa ata Medelo (ata o entronque coa estrada provincial). No caso do Camiño de Penido, o tramo de máis de 1,1 kilómetros entre Maceira Boa (estrada Bandeira-Moalde) ata o cruce da igrexa de Chapa.

A pista de Martixe, con 1,1 kilómetros,  arranxarase coa dotación de rego asfáltico.

“Con este proxecto de pavimentacións e reforzo de firmes nos camiños o Concello de Silleda continua coa mellora das infraestruturas viarias no rural”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

Os traballos teñen que estar realizados antes de finais de xuño do ano 2015.

“Con esta cantidade que lle corresponde ao municipio dentro do Plan Marco, tratamos de seguir mellorando a rede viaria municipal”, sinala o rexedor sobre o programa financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través da Agader.