O Concello de Silleda asina co Adif o contrato de arrendamento da estación de Taboada, que se convirte en centro de acollida temporal

 

Silleda, 4 de maio de 2013. O Concello de Silleda vén de asinar coa delegación de Patrimonio e Urbanismo Noroeste do Adif o contrato de arrendamento do edificio central da estación ferroviaria de Ponte Taboada, que se convertirá nun centro de acollida de transición da vida autónoma.

Este servizo é un dos piares básicos do programa Silleda Solidaria, posto en marcha a finais do pasado ano. Servirá para acoller de xeito temporal a familias en risco de exclusión social ou afectadas por situacións coma un desafiuzamento.

O contrato de arrendamento, por un periodo de 15 anos, estabrece unha contía de 1.080 euros anuais (90 euros ao mes) e o Concello terá que comezar a pagar a partir do vindeiro 1 de xullo, xa que se fixan dous meses de carencia.

Por outra banda, o Concello de Silleda comprométese a realizar obras de mellora, actuando sobre a carpintería interior, entre outros, para mellorar as condicións da vivenda.

Este centro,  unha das grandes novidades da rede de axuda Silleda Solidaria, busca dar resposta temporalmente as familias que o poidan necesitar. “O edificio ten a estrutura en bo estado e só teremos que actuar sobre a carpintería e acondicionar a parte interior”, sinala a alcaldesa. A vivenda conta con 5 habitacións, cociña, baño e outras dependencias. Dende o Adif, á vista da inversión e do destino do edificio fíxose ademais unha rebaixa ao Concello no prezo habitual de arrendamento.

O acondicionamento acometerase con fondos e persoal municipal se ben dende o goberno silledense se buscará a posible colaboración de empresas e entidades. “O programa Silleda Solidaria está a ter moi boa resposta por parte dos colectivos que colaboran con esta iniciativa, respostando aos avisos que se emiten dende Servizos Sociais”, sinala a rexedora.

Este centro ven a completar outras liñas de actuación do programa municipal, que xurdiu á vista  do aumento da demanda nos Servizos Sociais e dun cambio no perfil dos usuarios deste departamento. A crise económica financiera e o consecuente aumento do desemprego no municipio de Silleda, cunha gran maioría da poboación empregada en sectores dos máis afectados pola situación citada ( construcción, servizos…) están detrás desta demanda progresiva.

O banco de alimentos, ou o roupeiro municipal son outras das iniciativas incluídas en Silleda Solidaria, que en breve poñerá en marcha o banco de libros ou hortas solidarias. “Vendo a situación actual, dende o Concello, como a Administración máis próxima aos cidadáns debemos de centrar os nosos esforzos en dar unha resposta aos veciños e familias que se enfrontan a situacións difíciles”, engade Paula Fernández.