O Concello de Silleda busca voluntarios/as para iniciar o proxecto piloto do Centro de Desenvolvemento Agrario

Silleda, 9 de xaneiro de 2016. O Centro de Desenvolvemento do Rural  de Silleda un dos proxectos máis ambiciosos do goberno municipal para iniciar nesta lexislatura bota a andar coa realización do mapa agrario de Silleda. O Concello asinou o mes pasado o contrato coa firma Quorum Económico S.L. para a realización do citado mapa.

En días pasados, algún dos autores do traballo mantiveron un encontro no Concello co alcalde, Manuel Cuiña, e cos responsables municipais de Medio Rural e Emprego, Jesús Taboada e Ana Luisa González, para continuar establecendo liñas de traballo.

Neste senso, dende o Concello búscanse persoas voluntarias para participar na fase experimental do proxecto. “Queremos contar con veciños e veciñas dispostos a participar nesta iniciativa que consideramos de gran interese”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

As persoas interesadas en formar parte deste programa poden anotarse no Concello, no departamento de Alcaldía.

De xeito paralelo, o equipo de Quorum está a traballar xa na confección do mapa agrario, un estudo preliminar consistente na  recollida de información estatística e do medio físico do ámbito de estudo que comprende todo o termo municipal de Silleda. Así mesmo prevese a realización de entrevistas conducente ao mellor coñecemento dos axentes involucrados no desenvolvemento rural da zona.

A entidade tamén realizará un estudo de aptitudes de cultivo baseado en ferramentas GIS, traballo que pasa pola elaboración do mapa agrario con ferramentas de información xeográfica e no que se xustifiquen os cultivos máis recomendados para cada zona do territorio silledense.

Estímase que este estudo inicial se realizará nun prazo duns 7 meses. A rendabilidade dos cultivos é outro dos obxectos de estudo, con  asistencia técnica na que se determinen as principais producións e establecemento do seu albor de rendibilidade, así como o estudo xeral de rendibilidade por cada unha destas.

Canles de comercialización dos produtos e plan formativo

O Centro de Desenvolvemento Agrario xurde como proposta do goberno municipal como medida para revitalizar o rural e o sector primario, “que segue sendo a base da nosa economía local”, engade o alcalde. Con esta iniciativa búscase unha menor dependencia do sector leiteiro e un maior aproveitamento das terras adicándoas a actividades agrarias.

Unha vez realizado o mapa agrario, a empresa presentará un estudo sobre canles de comercialización dos produtos e deseñarán un plan formativo con recomendacións xerais.

Ademais de canles de comercialización tamén se creará unha escola agraria, “porque a formación será un dos eixos desta iniciativa”, engade o alcalde”.

“Queremos ter primeiro a radiografía do noso termo municipal, ver qué cultivos son os máis axeitados en cada zona, en cada parroquia, para logo deseñar accións formativas e apoiar a comercialización dos produtos, coa maior rendabilidade posible para os nosos agricultores e agricultoras e co menor número de intermediarios posible”, explica o alcalde.

A rendabilidade dos cultivos é outro dos obxectos de estudo, con  asistencia técnica na que se determinen as principais producións e establecemento do seu albor de rendibilidade, así como o estudo xeral de rendibilidade por cada unha destas.

Está previsto que o Centro de Desenvolvemento Agrario, un proxecto complexo que se prevé realizar a medio ou longo prazo, teña a súa sede no antigo edificio da Cámara Agraria de Silleda, unha vez que xa foi trasladada a Escola de Música.

“Este é un dos retos que nos marcamos dende o equipo de goberno co obxectivo final de contribuir á creación de emprego”, explica Cuiña.