O Concello de Silleda comeza a campaña de desbroces polas parroquias

-Os traballos comezaron no día de onte na Parroquia de Pazos, e continuarán nos vindeiros días en Parada e Fiestras, ata facelo extensivo a todas as parroquias

Silleda, 1 de xuño de 201-.  O Concello de Silleda ven de poñer en marcha a campaña anual de desbroces polas pistas municipais. Os traballos comezaron onte na parroquia de Pazos, e faranse extensivos nos vindeiros días ao resto de parroquias seguindo o calendario de festexos de cada unha, tal e como se ven facendo nos últimos anos.

Dende a Concellería de Obras e Servizos, dirixida por Klaus Brey, quérese facer fincapé no esforzo que están facendo os operarios municipais, traballando en quendas de mañá e tarde, para poder atender a tempo a demanda de limpeza en tódalas localidades, con un so tractor, mentres a compra prevista do tractor e das dúas desbrozadoras de brazo non se faga efectiva.

En resposta ás denuncias feitas en prensa por parte do Partido Popular de Silleda, que demanda a falta de limpeza nos viais, dende o concello queren aclarar que o desbroce na N-525 é competencia do Ministerio de Fomento, non municipal, polo tanto sería a eles a quen lles deberían de facer o requerimento.

Nos viais municipais, aínda que se comezou tarde pola situación climatolóxica, farase seguindo as festas de cada parroquia, coma nos últimos anos.