O Concello de Silleda comeza as negociacións con Espina & Delfín

Silleda, 10 de maio de 2016. O Alcalde e o secretario do Concello de Silleda veñen de manter na mañá de hoxe unha primeira reunión con representantes de Espina & Delfín, co fin de empezar unha rolda de negociacións sobre a reclamación da débeda que a empresa lle fai ao Concello.

Nesta primeira toma de contacto fíxose entrega a Espina do informe de secretaría, xa presentado e aprobado no último pleno, e sobre o que se pretende sentar as bases de negociación.

Logo dunha análise dos distintos puntos que compoñen o informe, e  que explican as leis sobre as que se basean os conceptos de rebaixa sobre a reclamación da empresa, ésta comprometeuse ao estudio do mesmo para aportar os seus puntos de vista en próximas reunións.

Manuel Cuíña quixo destacar o “prudente e comedido” do informe feito polo secretario, que nas consideracións finais, avoga pola negociación e non comprende o ter que recorrer aos tribunais ata o último punto.

Cabe destacar a reiterada vontade por ambas partes de que este sexa un proceso de negociación cordial cun acordo medianamente asumible dende as dúas entidades, xa que, en palabras tanto do alcalde, coma do xerente de Espina & Delfín, consideran que sempre “unha mala negociación, é  mellor ca un bo pleito”.

A seguinte reunión na que se seguirán expoñendo os diferentes puntos de vista, quedou fixada para o vindeiro xoves, día 26.