O Concello de Silleda comeza obras de bacheo por todo o municipio

-Operarios municipais iniciaron o bacheo en puntos da parroquia de Escuadro, que farán extensivos nos próximos días ao resto das parroquias de Silleda

Silleda, 26 de abril de 2016.  O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos, que dirixe Klaus Brey, iniciou un novo plan de bacheo municipal para a reparación do firme en zonas onde as choivas do inverno provocaron danos.

Os traballos iniciáronse esta semana en puntos da parroquia de Escuadro, e continuarán nos vindeiros días no casco urbano silledense, para prolongarse despois ao resto das parroquias, empezando por Siador e continuando segundo unha orde, para facelo extensivo así a todos aqueles puntos que o precisen.

O alcalde de Silleda e o edil de obras supervisaron esta mañá as actuacións tan demandadas nos últimos días por mor dos estragos que ocasionou a auga caída este inverno.

“Nos vindeiros días trataremos de ir arranxando os desperfectos nos viais do resto das localidades por zonas, sempre que a climatoloxía acompañe”, indica o concelleiro Klaus Brey.

Traballos coa maquinaria da Mancomunidade

Así mesmo tamén proseguen os traballos municipais que se están a realizar na quenda de maquinaria da Mancomunidade Terras do Deza que lle corresponde ao concello e que rematará a mediados do mes de maio.

Nesta ocasión as máquinas desprazáronse ao lugar de Vilaverde, na parroquia de Manduas, onde están a mellorar unha pista parcelaria que estaba nun estado intransitable. Os traballos consisten na canalización de augas, apertura e limpeza de cunetas e mellora do firme.

Trala realización destes traballos, a maquinaria desprazarase ás parroquias de Martixe e Pazos para a realización de outras accións similares.