O Concello de Silleda continúa colaborando co Plan de Loita contra a pobreza e a Exclusión Social

Silleda, 7 de marzo de 2018. O Concello de Silleda continuará participando ao longo deste ano no  Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social, que vén desenvolvendo a Fundación Amigos de Galicia.

 O alcalde, Manuel Cuiña Fernández, e o presidente da entidade, o silledense Miguel Villar Costoyas, asinaron hoxe a renovación do  convenio de colaboración, para  ofrecer atención continuada a  máis de 20 familias designadas polos Servizos Sociais, aportando alimentos, produtos hixiénicos, roupa e calzado e tamén material escolar, entre outros.  A colaboración entre as dúas entidades iniciouse en abril de 2014.

O alcalde destacou o compromiso que vén amosando a Fundación Amigos de Galicia na axuda aos máis desfavorecidos, e que no caso do Concello de Silleda vén prestando atención a unhas 25 familias.

 “É unha fundación importante que está segue axudando a milleiros de familias de toda Galicia”, remarcou o alcalde eloxiando o traballo da entidade e reiterando o agradecemento, en nome de todos e todas os silledenses, á Fundación por esta aportación.

O convenio establece que o Concello aportará para este ano un total de 3.000 euros, a mesma cantidade que o pasado.

Cuiña tamén extende o seu agradecemento ás empresas locais que están a colaborar coa fundación “É unha colaboración moi importante que vén a complementar o traballo que estamos a facer dende Servizos Sociais e o programa Silleda Solidaria”, engade o alcalde.

Dende a Fundación Amigos de Galicia, que  leva xa  27 anos traballando no ámbito social, o seu presidente, o silledense Miguel Villar agradeceu tamén a participación do Concello de Silleda no seu plan de loita contra a pobreza do que forman parte numerosos municipios galegos.