O Concello de Silleda continúa en 2025 co programa “(In) visibles: doce meses, doce mulleres”

O Concello de Silleda, a través do departamento de Igualdade, dirixido por Ángela Troitiño, vén de poñer en  marcha unha nova edición do programa (In) Visibles: doce meses, doce mulleres, unha iniciativa que arrancou hai agora un ano para visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan  as mulleres na sociedade silledense.

Para iso, cada mes deste ano, ao igual que aconteceu en 2024,  nas redes sociais do concello e tamén na web municipal,  publicarase unha fotografía e breve biografía dunha muller do municipio, que destaque por algún aspecto da súa historia vital, sexa a nivel persoal ou laboral.

(IN)VISIBLES: DOCE MESES, DOCE MULLERES” arranca novamente este xaneiro con Eva García Bibián, emprendedora e docente de Márketing, á que se destaca no Día Internacional do Community Manager. Natural de Cervaña, tras rematar os seus estudos de posgrado en Marketing Estratéxico e Dixital, decidiu apostar  polo emprendemento.

Hai  xa oito anos, Eva fundou, coas súas dúas socias, a súa propia axencia de marketing en Silleda (Hydra) demostrando que a innovación e o emprendemento son posibles dende calquera recuncho de Galicia.

Hoxe en día, as oficinas da súa axencia cotnan cun equipo de sete mulleres comprometidas e talentosas.

Ademáis da súa faceta como empresaria, Eva compaxina a dirección da súa axencia coa docencia universitaria, impartindo formación en marketing nas universidades de A Coruña e Vigo.

Consciente da importancia da formación contínua, está tamén a cursar un Máster en Neuromarketing, disciplina na que xa ten impartido varias ponencias, incluíndo unha destacada intervención no Congreso Internacional de Neuromarketing en Madrid.

Ademais, ca súa implicación co rural e coa figura da muller na sociedade, está a fundar unha Asociación para a Dixitalización da Muller Rural, Enredeiras, asociación coa que moi pronto comezará a traballar.