O Concello de Silleda continúa os contactos para a posta en marcha do Centro de Desenvolvemento Agrario

-O Alcalde e os responsables da iniciativa visitaron a firma Culinaria nun novo avance do proxecto

Silleda, 21 de febreiro de 2016 -.  O Alcalde de Silleda, Manuel Cuíña Fernández, acompañado polo edil de medio rural, Jesús Taboada Lázara, e o técnico de Quorum, a empresa vinculada á USC, que traballa na posta en marcha do Centro de Desenvolvemento Agrario, visitaron a firma silledense Culinaria, nunha cita concertada dende xa fai uns meses polo rexedor.

O obxectivo deste encontro foi unha primeira toma de contacto  enmarcada na creación de canles de distribución para os posibles produtos que se cultiven nas terras nas que se levarán a cabo as plantacións do Centro de Desenvolvemento Agrario.

“Esta reunión é un paso máis de futuro neste gran reto do goberno con respecto ó desenvolvemento do rural” – explica o alcalde.

“Despois da creación do mapa agrario, que ofrecerá un diagnóstico detallado sobre os cultivos que se dan mellor en cada zona do municipio, o seguinte paso será atopar maneiras de darlles saída a estes produtos. E neste sentido qué mellor que sexan empresas do lugar as que poidan aproveitarse destes recursos.“ – continúa o rexedor.

Tanto o alcalde e os técnicos, coma o xerente da empresa Culinaria, Manuel Colmenero, intercambiaron informacións sobre os produtos máis demandados, nunha primeira toma de contacto de outras que irán tendo lugar segundo vaia avanzando o proxecto do Centro Agrario.

Esta iniciativa, xurdida como proposta do goberno municipal como medida para revitalizar o rural e o sector primario, base da economía local, busca un mellor aproveitamento do sector agrario, sen deixar de apoiar a un sector tan castigado ultimamente, como é o sector lácteo. Actualmente os traballos avanzan a bo ritmo, e posiblemente en poucos meses a elaboración do mapa agrario, (a primeira das medidas a tomar dentro do Centro de Desenvolvemento Agrario), estará xa rematado.