O Concello de Silleda continúa participando no Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social da Fundación Amigos de Galicia

Silleda, 2 de marzo de 2015. O Concello de Silleda continuará participando ao longo deste ano no  Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social, que vén desenvolvendo a Fundación Amigos de Galicia.

 O alcalde, Manuel Cuiña Fernández, e o presidente da entidade, o silledense Miguel Villar Costoyas, asinaron hoxe a renovación do  convenio de colaboración, que se selou en abril de 2014 para  ofrecer atención continuada a  máis de 20 familias designadas polos Servizos Sociais, aportando alimentos, produtos hixiénicos, roupa e calzado e tamén material escolar, entre outros.

O alcalde destacou o compromiso que vén amosando a Fundación Amigos de Galicia na axuda aos máis desfavorecidos, e que no caso do Concello de Silleda vén prestando atención a unhas 25 familias.

 “É unha fundación importante que está axudando nestes tempos de crise a milleiros de familias de toda Galicia”, remarcou o alcalde eloxiando o traballo da entidade e reiterando o agradecemento, en nome de todos e todas os silledenses, á Fundación por esta aportación.

O convenio establece que o Concello aportará para este ano un total de 3.000 euros, máis que o pasado ano  “á vista tamén do grande traballo que se está a realizar, e dando cumprimento ao compromiso que adquirimos en 2014 para incrementar a nosa aportación”, engade

Axuda por valor de case 40.000 euros

Cuiña tamén extende o seu agradecemento ás empresas locais que están a colaborar coa fundación. En total dende que se asinou o convenio en abril do pasado ano, a Fundación trouxo a Silleda alimentos, produtos e outros apoios por un valor de case 40.000 euros. “É unha colaboración moi importante que vén a complementar o traballo que estamos a facer dende Servizos Sociais e o programa Silleda Solidaria”, engade.

A Fundación Amigos de Galicia leva xa  27 anos traballando no ámbito social e o seu plan de loita contra a pobreza está presente en máis de 70 municipios galegos.