O Concello de Silleda contrata unha asesoría para inspeccionar as taxas que deben de ingresar as grandes empresas

Silleda, 24 de outubro de 2014. O Concello de Silleda vén de asinar un contrato coa firma Bonafide Tributos Locales para a asistencia técnica e colabroación material na inspección dea taxa por ustilización privativa ou aproveitamento especial das vías públicas, unha taxa que deben de abonar as grandes compañías operadoras de sectores como a telefonía, gas, electricidade…

“A través desta auditoría queremos mellorar a recadación destes tributos, e saber se as grandes compañías están pagando ao noso Concello o que realmente lles corresponde”, explica o alcalde e responsable de Facenda, Manuel Cuiña.

Esta inspección realizarase con carácter retroactivo, revisando os datos de facturación das grandes empresas e compañías que operan no municipio dende o ano 2011.

Cuiña explica que a través desta inspección a empresa contratada só cobrará o 9,90 por cento do importe das contías netas que se logren recadar a maiores froito do traballo da empresa. “Se efectivamente as liquidacións se fixeron ben o traballo encargado non terá custes para o Concello”, engade o rexedor.

A inspección está previsto que se realice nun prazo de seis meses, revisando as liquidacións da ducia de grandes compañías que deben de tributar ás arcas municipais silledenses.

“Con esta inspección queremos continuar mellorando a xestión na recadación de impostos, centrando os esforzos nestas grandes compañías, que son as que realmente deben de tributar polos beneficios que obteñen”, explica Cuiña.

Aumento dos ingresos municipais

O responsable municipal de Facenda advirte que con este tipo de iniciativas “estamos a conseguir un aumento histórico nos últimos anos no orzamento municipal acadando máis recursos e sen incrementar os impostos e taxas aos nosos veciños e veciñas”, explica.

Dende a chegada do novo goberno municipal ao Concello melloráronse e ampliáronse os ingresos das taxas das compañías enerxéticas e operadoras de telefonía. Así, no ano 2011 as arcas municipais ingresaron preto de 120.000 euros por estas taxas. “A maioría desta cantidade correspondía aos exercicios de 2009 e 2010 que estaban entonces sen cobrar porque o executivo anterior nin sequera se molestou en reclamarle estes cartos ás empresas”, explica Cuiña.

 

Dende o goberno municipal quere comprobarse a través desta inspección se as grandes compañías están a cotizar nos últimos anos polo que realmente facturan.

“É a nosa obriga e responsabilidade velar porque este tipo de compañías paguen relixiosamente os seus impostos, aportanto ao Concello recursos que poidan reinvertirse na mellora de servizos e a calidade de atención aos nosos veciños”, remata o alcalde.

Cuiña presidirá o vindeiro luns a mesa de persoal e a comisión informativa para iniciar o deseño dos orzamentos municipais de 2016.