O Concello de Silleda convoca de novo o concurso de decoración de Nadal, con máis de 2.000 euros en premios para gastar en comercio e hostalería

-O certame #SilledaFaiNadal contará con dúas categorías: unha individual para decorar vivendas, balcóns, fachadas, e outra colectiva na que se poderán elixir espazos públicos. O prazo está aberto ata o 10 de decembro

Silleda, 15 de novembro de 2021. O Concello de Silleda, a través das concellerías de Cultura e de Comercio, volve convocar o concurso #SilledaFaiNadal entrea a veciñanza a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e a hostalería local.
Esta proposta dun certame de decoración navideña, naceu o pasado ano, buscando a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio desas datas en distintos espazos. As bases do certame establecen un reparto de premios que suman en total 2.075 euros .
O concurso está dirixido a todas as persoas que vivan no municipio de Silleda e establécense dúas categorías: individual (ca decoración de balcóns, galerías e fachadas, sempre que sexan visibles dende o exterior); e colectiva, para comunidades de veciños, asociacións, grupos…. Neste último caso deberá elixirse un emprazamento do que se informará previamente no momento de realizar a inscrición.
As persoas e grupos que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal (cun formulario específico para este certame) ata o 10 de decembro.
As decoracións serán visibles dende o exterior, e estar instaladas dende o 17 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2022. Terán que estar iluminadas, de ser o caso, como mínimo ata as 22.00 horas.
Admitiranse todo tipo de materiais para a construción da ornamentación e valoraranse especialmente a orixinalidade, deseño, iluminación, uso de ornamentos feitos a man ou con material de refugallo, así como a interculturalidade dos decorados.
O prazo de inscrición será dende mañá día 16 de novembro e ata o 10 de decembro. As bases e o anexo de inscrición estarán tamén dispoñibles na web municipal.
En cada unha das categorías establécense 3 premios, todos eles para gastar no comercio e na hostalería local. Na colectiva haberá un primeiro premio de 700 euros, un segundo de 500 e un terceiro de 300 euros. Na individual os premios serán respectivamente de 300, 175 e 100 euros.
O xurado estará formado por integrantes de asociacións ou colectivos que non participen no concurso e por un representante do Concello, con voz pero sen voto, así como por un técnico municipal, que actuará como secretario/a.
A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Publicarase nas redes sociais do Concello e será comunicado por chamada telefónica ás persoas e agrupacións galardoadas.
Con este certame, como xa aconteceu o pasado ano con #SilledaCreanaCasa, que repartiu outros 2.000 euros para investir no comercio local, búscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas. A continuación recóllense as bases e o formulario de inscrición que debe presentarse no Rexistro Xeral, aberto en horario de 09:00 a 14:00 horas: