O Concello de Silleda convoca un concurso de carteis sobre o Día de Europa

Silleda,  29 de marzo de 2019.  O Concello de Silleda vén de convocar un concurso de carteis sobre o Día de Europa, que se celebrará o vindeiro 9 de maio. A convocatoria está dirixida a veciños e veciñas empadroados en Silleda e establécense 3 categorías: ata 5 anos, de 6 a 12 e de 13 anos en adiante. Valorarase a creatividade e orixinalidade dos traballos neste certame que se enmarca nas actividades de irmandamento con localidades de Francia, Italia e Portugal.

Os traballos deben presentarse no rexistro en papel DIN A3, cos datos persoais en sobre pechado. Deberá de estar titulado íntegramente en galego e debuxado/pintado a man, con técnica libre. As bases, con todos os detalles da convocatoria, estarán dispoñibles na web municipal (www.silleda.gal), no Concello e tamén se remitirán aos centros educativos.

O prazo para a presentación abrirase o vindeiro luns día 1 e rematará o 26 de abril. A entrega de premios terá lugar o 9 de maio, coincidindo coa celebración do Día de Europa. En cada categoría establécese un único premio cun set de pintura por valor de 50 euros, un libro sobre Europa e un vale de 60 euros para canxear nos comercios de Silleda.

Ademais da exposición dos traballos, prevese que cada un dos premiados explique nun vídeo, de corta duración, o significado do cartel, que é Europa para eles e un saúdo para as cidades irmáns de Silleda: Canéjan (Francia), Poggio Mirtetto (Italia) e Paredes de Coura (Portugal).

Precisamente dende o Concello de Silleda se remitiron as bases a estas localidades a fin de compartir esta convocatoria nos distintos territorios.

Silleda estrenouse o pasado verán como localidade de acollida dun intercambio internacional, que este ano se trasladará a Italia na primeira semana de agosto. “Con este concurso tratamos de fomentar o sentimento de pertenza á UE e continuar estreitando lazos coas localidades cas que asinamos irmandamentos nos últimos anos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña Fernández.