O Concello de Silleda convoca un concurso de decoración de Nadal, con máis de 2.000 euros en premios para gastar en comercio e hostalería

-O certame #SilledaFaiNadal contará con dúas categorías: unha individual para decorar vivendas, balcóns, fachadas, e outra colectiva na que se poderán elixir espazos públicos.

Silleda, 10 de novembro de 2020. O Concello de Silleda, a través das concellerías de Cultura e de Comercio, volve convocar un concurso entre a veciñanza a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e a hostalería local.
Así, xurde #SilledaFaiNadal, un certame de decoración navideña que busca a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio desas datas en distintos espazos. As bases do certame veñen de ser aprobadas en Xunta de Goberno Local, co reparto dun total de 2.075 euros en premios.
O concurso está dirixido a todas as persoas que vivan no municipio de Silleda e establécense dúas categorías: individual (ca decoración de balcóns, galerías e fachadas, sempre que sexan visibles dende o exterior); e colectiva, para comunidades de veciños, asociacións, grupos…. Neste último caso deberá elixirse un emprazamento do que se informará previamente no momento de realizar a inscrición.
As persoas e grupos que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal (cun formulario específico para este certame) ata o 15 de decembro.
As decoracións serán visibles dende o exterior, e estar instaladas dende o 20 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2021. Terán que estar iluminadas, de ser o caso, como mínimo ata as 22.00 horas.
Admitiranse todo tipo de materiais para a construción da ornamentación e valoraranse especialmente a orixinalidade, deseño, iluminación, uso de ornamentos feitos a man ou con material de refugallo, así como a interculturalidade dos decorados.
O prazo de inscrición será dende mañá día e 12 de novembro e ata o 15 de decembro. As bases e o anexo de inscrición estarán tamén dispoñibles na web municipal.
En cada unha das categorías establécense 3 premios, todos eles para gastar no comercio e na hostalería local. Na colectiva haberá un primeiro premio de 700 euros, un segundo de 500 e un terceiro de 300 euros. Na individual os premios serán respectivamente de 300, 175 e 100 euros.
O xurado estará formado por integrantes de asociacións ou colectivos que non participen no concurso e por un representante do Concello, con voz pero sen voto, así como por un técnico municipal, que actuará como secretario/a.
A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Publicarase nas redes sociais do Concello e será comunicado por chamada telefónica ás persoas e agrupacións galardoadas.
Con este certame, como xa aconteceu o pasado mes de abril con #SilledaCreanaCasa, que repartiu outros 2.000 euros para investir no comercio local, buscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas.