O Concello de Silleda convoca unha marcha feminista para a xornada do 8-M

O Concello de Silleda, a través do departamento de Igualdade, que dirixe Pili Peón, vén de programar para o vindeiro venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, distintos actos, entre os que destaca, como novidade, a celebración dunha marcha feminista coa que culminarán as actividades da xornada.

A marcha partirá ás 20:00 horas dende a Casa da Cultura, pasando polas principais rúas da vila. Así está previsto que o percorrido pase pola rúa Progreso, avenida do Parque, rúa Santa Eulalia, rúa María Colmeiro e rúa Venezuela entre outras.

“Este será o broche final da xornada, cun marcado carácter reivindicativo e na que un ano máis volvemos a convidar ás mulleres a sumarse á folga prevista para esta xornada”, explica a concelleira.

Os actos do 8-M en Silleda comenzarán ao mediodía cunha concentración na praza da Igrexa. Pola tarde, os actos trasladaránse á Casa da Cultura, onde ás 17:00 horas está prevista a presentación do que é xa o IV Plan de Igualdade do Concello de Silleda, cunha serie de medidas para avanzar cara a igualdade no ámbito municipal. Tamén se estreará a sección de igualdade e xénero, con distintas obras, na biblioteca municipal Daniel Castelao, unha das medidas que recolle precisamente o Plan de Igualdade.

Ás 18:30 proxectaránse unha serie de curtametraxes dirixidas por mulleres, tamén na Casa da Cultura, rematando a xornada coa citada marcha feminista polas rúas.

“Agardamos que o pobo de Silleda secunde esta programación nunha xornada que, pese aos avances logrados nos últimos anos, segue a ser moi necesaria”, indica Pili Peón.