O Concello de Silleda crea un comité de seguimiento das funcións municipais e suspende tamén a celebración do mercadiño na Bandeira

Silleda,  13 de marzo de 2020.  O Concello de Silleda, que supendeu dende hoxe todas as actividades en centros públicos municipais como medida de prevención polo COVID 19, comezou xa a reorganización do traballo interno da Administración Local.

O alcalde, Manuel Cuiña, acompañado das concelleiras Ángela Troitiño, Mónica González e Pili Peón, mantivo hoxe un encontro co comité de empresa, ao que propuxo crear un comité de seguemento da crise do COVID 19. Así, a partir do luns haberá unha xuntanza diaria entre un/unha representante do goberno municipal e un/unha representante dos traballadores para valorar as medidas adoptadas tendo en conta que “a situación vai ser moi cambiante e que cada entidade local ten unhas características específicas”, engade Cuiña.

A primeira medida que adoptou o goberno municipal hoxe  foi enviar ao seu domicilio a varios traballadores e traballadoras que son “grupo de risco” por distintas patoloxías, e que na medida do posible utilizarán o teletraballo. Haberá ademais flexibilidade horaria establecéndose así mesmo turnos  e reforzando cuestións coma a atención teléfonica á veciñanza.

“Como xa explicamos nos bandos informativos estamos a pedir á xente que na medida do posible utilicen o teléfono ou medios telemáticos, evitando achegarse ás dependencias municipais”, indica o alcalde.

Reforzarase tamén, aproveitando o peche das instalacións, a limpeza e desfinfección de espazos públicos.

“Imos crear grupos de traballo e reorganizar servizos coma o SAF, revisando e priorizando os casos máis necesarios”, engade Cuiña.

Teletraballo dende o martes e conciliación

Así mesmo, e tal e como xa se informou, o martes instalarase nos equipos que se acorde o sistema de teletraballo. Tamén se establecerán nos turnos que se creen a partir de luns cuestións coma a conciliación familiar, dadas as circunstancias para que as persoas da plantilla municipal con menores ao seu cargo poidan compatibilizar o seu traballo co coidado dos mesmos.

“Os servizos municipais seguen en activo pero tendo en conta a adopción das medidas necesarias para evitar contaxios”, indica o alcalde. Tamén se facilitará ao personal os equipos de protección específicos.

Outra das medidas acordadas hoxe polo goberno municipal foi a suspensión do mercadiño da Bandeira, que se celebra todos os días 14 e 29. Esta decisión acordouse seguindo as recomendacións da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia e tendo en conta o movemento de persoas que as feiras implican. A suspensión manterase, de momento para as dúas feiras deste mes de marzo.